Castrelos Circus revisita as disciplinas tradicionais do circo

No contexto da Semana Grande das Festas de Vigo, Castrelos acollerá esta noite ás 22.30 o espectáculo Castrelos Circus, que é un show circense, pero non só. Como é sempre habitual cos traballos de “La fiesta escénica”, aos  números técnicos súmase tamén unha estética propia e innovadora, máis próxima ao teatro, e que se traduce nunha escenografía moi coidada e nunha atmosfera poética.

“La fiesta escénica”  é unha compañía que naceu van xa 15 anos,  e que na actualidade (desde 2003) están baseados en Oia, aínda que os seus espectáculos percorren o mundo. E é que non fai falta estar nunha capital para facer algo universal, e diso dan proba, por exemplo, o seu show acuático de xira por Grecia,  as representacións americanas do espectáculo “Galtur” -que esta disqueredactora tivo o pracer de ver e por iso atrévese a recomendarvos Castrelos Circus- , e outros shows que están a piques de comezar en Roma e Viena…. Aínda que comezaron a súa andaina facendo só estatuas viventes, hoxe son unha empresa de espectáculos forte con múltiples proxectos dispersos polo mundo. Tras Castrelos Circus, en Galicia poderemos velos tamén nuns meses co “Circo de Navidad” que se representará en Pontevedra e A Coruña.

E cal é a clave do éxito de “La Fiesta Escénica”? Probablemente esa estética propia, que bota man de recursos escenográficos habituais en ópera ou teatro, pero que resultan innovadores no circo. “Así – explica Abel Martín, o director -rescatamos as disciplinas do circo tradicional e convertémolas en espectáculo”. Para iso, contan cun equipo moi amplo de artistas colabores, que axudan a sacar adiante os traballos nos que é fundamental virtuosismo na execución. Por outro lado, funcionan a diversos niveles, cun aura máxica de poesía que algúns poden comprender, e outros simplemente gozan sen necesidade de intelectualizala. E por iso triunfan tanto co público infantil coma co adulto.

O show que poderemos ver esta noite  titúlase “En sepia” e concíbese coma homenaxe á historia clásica do circo a través de números tradicionais, como poden ser os de forza, os equilibrios, ou as técnicas acrobáticas, e prescindindo das disciplinas máis modernas, coma os números aéreos. “Do esplendor do circo tradicional, só nos quedan hoxe fotos en sepia”, explica Martín. Preséntansenos entón xigantescos marcos de cadros onde os números máis antigos van sendo espertados por un pallaso xoguetón, ata que alborexa, e os artistas doutros tempos volven a descansar nas fotos.

Abel Martín valora especialmente o feito de que Vigo poida ter un espectáculo destas características, que podería custar  entre 100 e 150 euros, a prezos moi simbólicos (10 euros): “Así pódese popularizar un espectáculo de alto nivel”.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *