“Os libros para nenos non deben ser ñoños”


Case todos temos unha idea bastante clara do que suxire a editorial Kalandraka: libros para nenos que é un pracer ter nas mans, grandes, con tapas duras, coidados ata no mínimo detalle, con ilustracións innovadoras e divertidas, con historias diferentes… E ese é o seu grande mérito: ofrecer un produto que é imposible non apreciar.

Kalandraka xurdiu en 1998 en Pontevedra, co obxectivo de publicar álbum ilustrado en galego para os primeiros lectores. Hoxe, conta con múltiples coleccións, para nenos de todas as idades e tamén para adultos, con clásicos universais e producións propias, e está presente en todas as linguas oficias da Península (galego, castelán, euskera, catalán, portugués) así coma en inglés, italiano e portugués de Brasil.

Disquecool falou co director da editorial, e un dos seus fundadores: Xosé Ballesteros.

Como naceu Kalandraka?

Hai 13 anos, aproximadamente, un grupo de persoas que estabamos relacionadas co mundo do libro, notamos que había unha carencia de oferta de álbum ilustrado en galego… Dos seis fundadores, unha parella tiña unha librería, eu viña de traballar en Edicións Xerais, e dúas persoas tiñan relación cun grupo de teatro para nenos, Kalandraka, de onde ven o nome da editorial. E ademais tiveramos unha primeira experiencia dun proxecto que se publicou en coedición entre o grupo de  teatro e Edicións Xerais, q se chamaba “Os gordibolas” e o autor era eu. Aquelo estivo moi ben, fora unha experiencia moi bonita, e a partir de aí decidimos arriscar un pouquiño dos nosos aforros e pór en marcha isto, pero a idea nun primeiro momento era publicar so en galego, e así estivemos dous anos.

Hoxe sodes unha editorial moi recoñecida. Os comezos foron duros ou o éxito veu de seguida?

Eu creo que tivemos un certo éxito desde o principio, tamén porque o proxecto naceu con todos os ventos a favor, nacemos nun momento no que non había practicamente nada en galego para os primeiros lectores. Recordo que un dos primeiros anuncios na extinta A Nosa Terra foi “Por que non comezamos por eles?” e iso fixemos, comezamos polos máis pequenos. Tivemos o apoio dos equipos de normalización lingüística de moitos colexios de Galicia, fundamental para saír adiante, e tamén tivemos unha moi boa acollida por parte de moitos libreiros, e a partir de aí tamén entramos nas bibliotecas…

Esperabades ese éxito, tida conta que era un produto novedoso?

Non sabíamos nada, non sabíamos sequera facer libros, tivemos que aprender todo sobre a marcha! Outro factor interesante a destacar é que naquel momento acababan de crear en Pontevedra a facultade de Belas Artes e das primeiras promocións xurdiron persoas importantes, por exemplo, a deseñadora de Kalandraka, Macu Fontarigo, Oscar Villán, Juan Rivas, Federico… tivemos esa especie de conxunción entre novos valores da ilustración e que non había moito máis. Pero o que quero dicir e que non podiamos vislumbrar que o proxecto sería un éxito, porque daquela os colegas doutras editoriais nos dicían que para vender libros en galego, tiñan que estar recomendados e non se podían recomendar mais alá dos 8 anos para arriba. Pero bueno, nos soñabamos con que a sociedade galega podía recibir ben un proxecto que apostase por títulos emblemáticos da literatura universal, como podía ser ‘Onde viven os monstros’ de Maurice Sendak ou ‘Contos de ratiños’ de Arnold Lobel.

Unha das cousas que chaman a atención da editorial é a atención prestada a ilustración, que ademais está lonxe de debuxos cursis e aposta por unha estética máis rompedora…

Si, nós sempre partimos de que os libros para nenos non deben ser ñoños nin  ir cara as mensaxes e os tópicos, pero e que logo hai outro factor, os albumes ilustrados como categoría de libros para nenos (e non so) en España chegan moi tarde. Durante os nosos 40 anos de franquismo, en Europa e nos EUA pasaron moitas cosas, xurdiron novos artistas que facían libros para nenos onde a ilustración era arte. En España comezaron a mediados dos 70, con figuras da talla de Miguel Calatayud, Carmen Solé, o Arcadio Lobato e en Galicia iso non existía para nada. Tamén hai que ter en conta que a literatura infantil en Galicia empeza cando o galego se incorpora como lingua curricular, e aparecen novos escritores para nenos como Agustín Fernández Paz o Xavier Docampo, que son profesores e precisan textos en galegos para nenos. Entón, cando Kalandraka comeza a publicar entramos nun terreo totalmente ermo, con moi poucas cousas que chegaran ata nós e todas traducións… E a elección que fixo Kalandraka foi apostar polo álbum ilustrado, que entendemos, é a combinación dun texto literario de calidade cunha proposta gráfica totalmente innovadora.

Tiñades algunha editorial de referencia?

Máis que editoriais, autores:  antes nomeaba a Sendak con ‘Onde viven os monstros’,  Lobel de ‘Contos de ratiños’,  tamén Leo Lionni, hoxe por hoxe un dos grandes  autores do noso catálogo… e si, tamén había editoriais en Francia e Alemaña que eran referentes e algúns dos seus títulos os traducimos en Kalandraka.

Mesmo se comezou fai pouco tempo, agora a literatura infantil en Galicia funciona moi ben

Esa é unha tónica xeral, non so en Galicia, porque a literatura para nenos foi incorporándose cos plans de lectura nos colexios… Cada vez a sociedade ten máis posibilidades de ler, non digo que se lea mais, que eu creo q si, pero ten máis posibilidades, e a literatura  infantil converteuse en algo de prestixio, entrou en todas as casas, vía directa librería ou vía colexio libro recomendado. É unha tónica q continuará, supoñemos.

E que libros marcáronche a ti de pequeno?

Eu teño na miña memoria libros que eu seguiría aconsellando para calquera persoa, non so para nenos, clásicos, moitas obras que non se escribiron para nenos, pero como naquel tempo non había literatura infantil, líamos libros de viaxes, aventuras… ‘As viaxes de Gulliver’, ou  ‘Robinson Crusoe’.

Libros un tanto arduos para nenos…

Nós os liamos en adaptacións, e logo gustábame Julio Verne, podías gozar indo a lugares tan lonxanos, illas, mares,  ao centro da terra e despois chegou a descoberta de Stevenson e a súa illa do tesouro… e para min son lecturas que non perden actualidade. Tamén recordo que ata moi maior non descubrín ningún autor en lingua galega, quitando a Rosalía, o primeiro foi Celso Emilio Ferreiro, e para min era alucinante descubrir que había unha literatura en galego.

Volvendo a Kalandraka, cal cres que é a clave para que hoxe sexa unha editorial tan recoñecida?

A clave non a sei, eu sei cal é o noso obxectivo: publicar libros de calidade, tanto no literario coma na imaxe, coidar a elección do papel, o formato, todo o que forma o libro… para buscar ese equilibrio entre forma e contido. E logo supoño que tamén estar presentes alá onde podemos… a propia estrutura da empresa a nivel comercial, aí si creo fomos innovadores para o mercado galego.

De que maneira?

Fomos os primeiros que decidimos publicar desde Galicia para fóra, a lectura que fixemos foi que e a maioría dos libros de texto que temos aquí son feitos fóra, aínda que sexan en galego, pero en cambio as editoriais galegas teñen o seu mercado en Galicia, que é un pais pequeno… por que non podemos facer libros e intentar véndelos fora? Tivemos un debate, había distintas posturas, pero decatámonos de que iso funcionaba e que un libro feito en Galicia podíase vender en Madrid, Cataluña ou Andalucía.

E como cres que afectará a Kalandraka a chegada do libro dixital? Vades a sumarvos a iso ou polas características do álbum ilustrado non o considerades necesario?

Non sabemos canto nos afectará. Estamos nun debate interno sobre se vamos a por algúns dos libros de Kalandra en dixital. Creo que estarán a partir dunha franxa de idade, uns 12 anos,  xa sexa narrativa ou cómic, literatura ou coñecemento, poden e deben de estar. Cara aos primeiros lectores seguiremos apostando polo libro en papel por razóns pedagóxicas e materiais.

Por último, que novidades nos recomendarías para este verán?

Para os maiores, un libro que vai chegar en breve ás librerías, a primeira tradución ao galego de ‘1984’, de Orwell que cremos é un libro fundamental e que calquera debería ter na súa biblioteca, e é curioso que aínda non estivese en galego.

Para os primeiros lectores, 2 títulos: ‘Artur’, que é a historia dun pitiño recén nacido, de autores galegos, e ‘O señor Nicanor’.

E para os medianos a segunda parte de Maese Raposo, un cómic de aventuras que xa publicamos o ano pasado.

Fotos | Disquecool, Kalandraka

Tomada na librería de Kalandraka en Vigo: Libros para soñar

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *