As editoriais galegas déixanse ver en Liber

Liber é a feira por excelencia do sector editorial en España e un interesante lugar no que estar para facer negocio no mundo das letras. “Frankfurt é o referente nunha área, pero Liber éo noutra”, explícanos Jessica Herranz, xerente da editora Primera Persona, de A Coruña, cando lle preguntamos se a feira ten moito ou pouco que envexar á moi famosa e moi importante feira de Frankfurt. Liber é a porta de Latinoamérica, explícannos no xigantesco stand do grupo Anaya, casa que engloba Xerais aínda que sexa, como nos deixan claro a pé de stand, unha firma cunha xestión independente dentro do grupo.

A edición 2011 de Liber trouxo a feira a Madrid (alterna a edición con Barcelona), onde se deron cita en IFEMA durante tres días os editores de todo o país (e de máis alá, como nos explican varios expositores cando falamos con eles), para máis que presentar de forma única o catálogo, ver o que fan os competidores e sobre todo vender e mercar. Frankfurt é a feira dos dereitos, pero Liber é a que permite conquistar e exportar a Latinoamérica, un mercado que fala o mesmo idioma que a lingua franca da feira. Latinoamérica está ávida de novidades editoriais, como o está o mercado en castelán de Estados Unidos. “Estados Unidos é o mercado de contidos en castelán máis grande do mundo”, dicía nunha mesa redonda sobre o libro dixital Patricia Arancibia, da macro cadea de librerías estadounidense Barnes & Noble. Os latinos son os que máis mercan libros electrónicos nese país e os que teñen máis dispositivos reader (o que permite ler ese cantidade á alza de ebooks que mercan). Os editores españois teñen por tanto unha oportunidade de ouro, se a saben explotar.

Nunha feria na que o mercado latino é o principal reclamo e no que o castelán é a garantía de éxito, ten sentido a presenza dos editores galegos? Todos os que conseguimos atopar no noso percorrido pola feira coinciden en que si, sen subida, con unha única excepción máis madrileña que galega. O venres pola tarde era difícil, de todos os xeitos, abordar a ninguén. Aínda que á feira lle quedaban unhas horas por diante, todos os editores estaban a recoller xa os seus bártulos e a deixar os stands, o que unido ao vento axitado que sopraba fóra lle daba á visita un certo aire postapocalíptico.

Os libros en galego están porque teñen que estar, explicábannos en Anaya, os únicos que deron unha visión moi negativa e moi pouco exitosa da presenza do libro galego en Liber, cunha presenza “testemuñal” como tamén sucede coa editora en catalán que tamén forma parte do grupo. Bastante pragmático, un dos responsables do grupo que botan o día a pé de stand díxonos que o interese que despertan os libros en galego no recuncho de Anaya é “pouco” pero basicamente “porque o mercado é sudamericano”. Un libro en galego está, obviamente, nun idioma que non é castelán e, por moito descendente de galego que viva en Latam, o seu mercado na emerxente rexión é residual. Só os autores best-seller galegos logran chamar a atención dos potenciais contactos en Latinoamérica: Manuel Rivas “si ten éxito” aínda que o fai na súa versión “en castelán”.

Fronte a esta versión tan pouco entusiasta sobre o que pode conseguir o libro galego en Liber esta a diametralmente oposta e máis habitual: Estar nas feiras é moi importante porque outorga unha elevada visibilidade á marca e aos produtos cos que contan no seu portfolio e Liber non é unha excepción a esta ecuación. Primera persona, unha editorial que se centra no mercado educativo e infantil en castelán e galego, presentou o seu último libro para nenos na feira e trouxo tamén a última incorporación aos seus ‘proxectos singulares’, unha axenda para 2012 cun forte compoñente literario. Vaga a pena vir ata Madrid cargando con caixas de libros? “Si, merece a pena”, dinos Jessica Herranz, a súa xerente. “Pódese facer o mellor networking” e coñécese o que fai a competencia. O negocio de todo o ano no libro en España faise no Liber, explícanos Herranz, dándose a coñecer autores e vanse enfilando contratos.

Galician Books

Primera persona era unha das editoras que utilizaron o stand da Asociación Galega de Editores, o paraugas que case todas as editoriais galegas empregaron para achegarse ao Liber. “As feiras son unha oportunidade de visibilización, de promoción”, apunta Luz Picos, da asociación, sobre as razóns polas que os editores galegos deben facer as maletas e achegarse a Madrid. O stand da asociación permitiu ademais dar a coñecer entre a industria (Liber é unha feira profesional, á que só poden entrar membros do sector) as marcas Libros de Galicia e Galician Books, coas que a Asociación Galega de Editores quere impulsar que se coñeza ao libro galego máis alá das nosas fronteiras.

“A masa crítica en Galicia para o libro galego é moi pequena”, sinala Luz Picos. “A poboación está moi envellecida e a xente nova está emigrando, así que as empresas teñen moitas dificultades para sobrevivir”. Só lles queda por tanto esforzarse por ser competitivas, aprendendo do que están a facer os demais e levando a cabo accións que chamen decididamente a atención sobre o potencial do libro galego. “A aprendizaxe para exportar ten un proceso”, lémbranos ademais Luz Picos. As editoras galegas, non o esquezamos, son bastante novas en comparación con industrias editoras que levan moito máis tempo no mercado.

Kalandraka é un dos casos de éxito que xa mostra a industria galega da edición. “Fixérono moi ben”, afirma Luz Picos. “É unha marca moi coñecida”. A editorial é ademais unha das poucas firmas galegas que tiveron stand propio na feira, o que confirma o seu éxito de público. A día de hoxe, non é estraño, por exemplo, atoparse en Madrid cunha mesa de novidades nunha macrolibrería do centro da cidade na que Kalandraka ocupa cos seus títulos a meirande parte. E, segundo nos confesa David Lacal, o seu director comercial baseado na oficina madrileña da firma, a xente xa pregunta directamente polos libros da editorial.

“Ao mellor é que fomos pioneiros en facer libros ilustrados diferentes”, sinala Lacal cando lle preguntamos polo secreto do seu éxito. “Continuamos a ser fieis á nosa forma de editar. Non nos unimos ás modas e non temos temas tabú”, engade. Kalandraka ten ata libros para nenos que falan da morte e sempre mantén, en todo o seu catálogo, a fermosa edición que se converteu xa en marca da casa. “Cando fas libros de calidade, tes a seguridade de que tes un bo produto”, confésanos Lacal. A editorial é moi viaxeira: están nas feiras de Frankfurt, de Boloña, de Guadalaxara e ata en Tokio, onde, por certo, os libros Kalandraka son un éxito. A editorial non edita en xaponés ou en coreano, aínda que si venden os dereitos para facelo neses mercados con moi boa acollida. A firma, que empezou como unha aventura duns amantes dos libros, é agora un dos produtos de máis éxito do panorama editorial galego. Para este Nadal, por certo, lanzarán, entre outras novidades, un libro pouco coñecido de Astrid Lindgren, a creadora de Pippi Långstrump, (en castelán, no 2012 en galego porque a tradución leva un pouco máis de tempo) que é unha pequena xoia.

“Temos uns escritores magníficos e temos cousas moi boas”, defende Luz Picos. “Temos que deixar de mirarnos como se fósemos un ninguén”. A industria editora galega ten que atreverse a mirar ao mercado directamente aos ollos, a pesar do escaso apoio da administración (Picos lamenta anos e anos de escaso respaldo para darlle visibilidade ao libro galego e axudar a rachar coa idea de que ninguén le en galego e de que ninguén merca libros en galego). “Saír por aí e estar nos sitios é o que hai facer”. Como en todo hai que ver e deixarse ver.

Fotos | IFEMA

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *