As aínda por descubrir letras romanesas

Rapidamente e sen pensar moito: di catro nomes de autores romaneses. E non se valen os clásicos. Non vale falar de Cioran, nin do de A cantante calva (que, si, escribía en francés…) nin de Herta Muller (que aínda que escriba en alemán é rumana). O baleiro?

Dende 2006, só se traduciron ao castelán 60 títulos da literatura romanesa (non dispoñían de datos sobre as outras linguas peninsulares). Non son moitos aparentemente, pero como nos explicaban no stand que Romanía tiña no Liber, a feira da industria editorial que se acaba de celebrar en Madrid, “significa moito, porque demostra que empezan a ser coñecidos”. O país era o invitado desta edición (Paraguai serao da próxima) e ocupaba o centro do pavillón de IFEMA no que se daban cita os editores, cun dos espazos máis bonitos da feira.

O stand de Romanía estaba feito unicamente en madeira. Os seus deseñadores, Pierre Bortnowski e Serban Sturaza, “tiñan en mente que todo tiña que ser reutilizable, ecolóxico e sostible”. Todos os elementos cos que se construíu a presencia de Romanía no Liber serán utilizados novamente no seu país de orixe.

As mesas e as cadeiras nas que se podían sentar os visitantes para falar sobre esas traducións tan agardadas reconvertéranse de volta na casa en mobiliario de bibliotecas infantís. Ademais de reciclarse a posteriori, os materiais tamén teñen unha orixe reciclada: todos os materiais eran, antes de se encher de libros, materiais de obra.

Unha imaxe visual, en conclusión, potente para chamar a atención sobre os protagonistas de toda esta historia: os libros e, neste caso, a súa viaxe máis alá das fronteiras do seu idioma de orixe.

Romanía ten programas para incentivar a tradución dos seus autores máis alá das súas fronteiras e dar así a coñecer as letras romanesas. Aínda que, segundo nos comentan, os clásicos (e por tanto xa coñecidos) son os que máis veces se traducen e os que máis demandan os editores. España, cos seus 60 libros traducidos en cinco anos, é o país que máis está publicando aos autores de Romanía, tanto que no dossier para medios de comunicación falan do “bo momento da cultura romanesa en España”.

A España chegaron xa Mircea Cartarescu, traducido por Funambulista e pola agora híper de moda Impedimenta; Petru Cimpoesu, Ana Blandiana ou Dan Lungu, nomes que ata agora non nos dicían moito pero que xa poden estar en calquera mesa de novidades de La Casa del Libro. Mircea Eliade tamén acaba de vivir unha reedición dun número bastante interesante de títulos. E incluso unha autora romanesa pode ser carne de best-seller: Maeva lanzou Zaira, de Catalin Dorian Florescu, unha “apaixonante saga familiar” cun look and feel digno do guilty pleasure aeroportuario.

*As editoriais galegas tamén estiveron no Liber

Fotos | Institutul Cultural Roman

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará