Arte baixo terra: unha selección de metros cool

Millóns de persoas soben cada día a un vagón de metro e ollan como as estacións van pasando, unha detrás de outra, mentres se dirixen aos seus traballos. O transporte forma parte dunha rutina que resulta aínda máis monótona se sempre vemos o mesmo teito gris, as mesmas paredes de formigón e unha escuridade que nos fai desexar con todas as nosas forzas volver para a nosa cama. Pero os metros non teñen porque ser deprimentes e aburridos. A tendencia é construír espazos máis amables e luminosos e investir en arte e deseño. Os transportes baixo terra convértense entón en museos cheos de vida cunha afluencia de visitantes que xa quixeran moitos espazos expositivos.

Os primeiros en entendelo foron os rusos que fixeron do Metro de Moscú un pazo para o pobo. Grandes vestíbulos, mármores, esculturas e luxosas lámpadas fan deste metro unha das principais atraccións turísticas da cidade.

Xunto ao de Moscú, o metro de París tamén é un dos considerados máis fermosos no mundo. As súas características bocas de metro en ferro forxado de estilo Art Nouveau hoxe poboan as tendas de regalos en forma de postal.

Os de Moscú e París son os exemplos clásicos, pero na actualidade son numerosos os metros que apostan por levar a arte ás profundidades. Esta é a selección dos favoritos de Disquecool:

1. Estocolmo, o maior museo do mundo. Esculturas, mosaicos, pinturas, instalacións e inscricións que abarcan desde os anos 50 ata a actualidade. O metro posúe unha extensión de 110 quilómetros e inclúe as obras de centenares de artistas. Das 100 estacións que comprende, 90 contan con material artístico. Cos seus teitos cavernosos pintados de chamativas cores, o metro de Estocolmo invita poderosamente á exploración.

2. Lisboa, sempre moderna. Esta cidade sempre sorprende, e consegue a convivencia perfecta entre o contemporáneo e a tradición, o vangardista e o romanticamente decadente. O seu metro non podía ser menos: obras de arte contemporáneas nas que o azulexo adoita estar presente. En Portugal está considerado como un dos mellores proxectos de tratamento artístico dos espazos públicos.

3.  Munich, cuestión de cor. O metro de Munich iniciouse no ano 1971 co obxectivo de proporcionar á cidade unha rede ferroviaria de transporte renovado e eficaz para os Xogos Olímpicos que se celebraron un ano despois. Liñas puras e practicidade alemá contrastadas por cores intensas.

4. Bruxelas, depende. A capital de Bélxica tamén quixo facer do seu metro unha enorme galería, achegando o mundo da arte aos viaxeiros. Máis de 60 obras de todos os estilos decoran os seus corredoiros e estacións, algunhas verdadeiramente fermosas e orixinais (ver abaixo, primeira foto), outras, horrendas e mesmo algo sinistras (ver abaixo, segunda foto). Por iso, dependendo da zona na que nos atopemos, podemos considerar que o metro de Bruxelas e cool ou todo o contario. Aquí podes descargar un folleto que recompila todas as obras para que poidas xulgar por ti mesmo.

 

Fotos | Moscú, Wikimedia Commons; París, IanL; Estocolmo, Benoît e jaime.silva; Lisboa, jaime.silva; Munich, j.hietter e stonepix_de; Bruxelas, loopin e Silviapef.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *