II Encontro B-Web: desvirtualizacións e networking

B-Web 2011

Que as redes sociais son algo xa básico na estratexia de comunicación de calquera empresa é algo que a ninguén se lle escapa. O que aínda non parece estar tan claro é que facer con elas, como utilizalas para obter beneficios. E, aínda máis difícil, como medir eses beneficios. Son as mesmas preguntas de sempre e as respostas tenden a ser tamén as mesmas, pero non por iso hai que deixar de debatir sobre elas. O bo? Cada vez existen máis casos prácticos nos que comprobar cales desas receitas máxicas funcionan. E durante a primeira xornada do II Encontro B-Web de profesionais do sector, houbo tempo para expoñelos.

O do ROI (return on investment) é un deses temas claves que se tocan en todo encontro sobre social media que se prece, e aínda que todos os conferenciantes insisten en que é posible medilo e ata dan unha pequena folla de ruta para saber como facelo, o tema do ROI é recurrente e ata obsesivo. No B-Web, o encargado de ofrecer a súa visión de como debe facerse foi Stephan Fuetterer, da asociación DIRCOM (e alemán de Benidorm), que sentenciou que esa medición dependerá dos obxectivos, pero que sempre é posible facela.

Outra das ideas recurrentes foi a das prácticas correctas e, sobre todo, incorrectas en social media. Saber que facer non é sempre sinxelo, non hai un camiño que leve ao éxito seguro, pero si hai camiños e atitudes que levan ao fracaso máis absoluto. Para isto, os “not to dos” expostos por José Ángel García López (ASONET), que ían desde a non innovación ata a non monetización, pasando pola non comunicación, deixaron bastante claro que camiños eran os que hai que pechar para sempre. Víctor Puig, por outra banda, ofreceu a conferencia máis exitosa da xornada (xa ás 8 da tarde), coa súa relación de casos de xestión de crise en comunicación online. Conclusión? Escoita, responde, non borres o publicado (David Bisbal seguro que notou como os seus oídos pitaban), e admite os teus erros.

Tamén foi moi celebrada a intervención de Luisa Rodríguez, de Inforpress (a axencia que leva a comunicación de AENA), que aínda que empezou con voz tremerosa e confesou que era a súa primeira conferencia, de seguido se recuperou para explicar como fixeran en AENA para lograr que a crise dos controladores se convertese nunha oportunidade, para o que a apertura dunha conta de Twitter foi clave: 2000 followers na primeira hora. Pon unha crise na túa vida (social).

Máis alá das redes sociais, houbo tamén tempo para falar de futuros próximos (o das apps móviles) e distantes (a realidade aumentada), ademais de para reflexionar sobre o que significa que todos os nosos datos estean en Facebook, Google e demais nubes que ás veces rematan en treboadas.

Pero quizais o que máis importaba, máis aló de asistir ás diferentes conferencias (e os debates posteriores que, cando se formaban -non houbo demasiada interacción-, eran o máis interesante da intervención), era ese momento do café no que, arredor dunha mesa, as desvirtualizacións ían tendo lugar e as tarxetas de visita comezaban a circular. Sairán deste encontro e estes intercambios novos proxectos de Internet galegos interesantes? Talento e ganas non parecían faltar entre os asistentes. A roda do networking está en marcha.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *