20 Day Stranger: compartirías detalles da túa vida cun descoñecido?

20daystranger

Agora que somos cada vez máis conscientes e celosos da nosa privacidade, polo menos en teoría, todos sabemos que a resposta responsable á pregunta do título é “non”. Moitos diredes que si, que quizais, pero que escollendo vós que é exactamente o que compartides. Que sexa o noso smartphone o que pase datos a un descoñecido sen ter pasado polo noso filtro é unha desas cousas ás que xa aprendemos a ter medo. Pero 20 Day Stranger, unha app que fai exactamente iso, é unha idea máis amable que inquietante.

Trátase dun experimento realizado polo grupo Playful Systems do Media Lab do MIT en forma de app para iPhone. A aplicación conecta a dous usuarios anónimos de forma aleatoria durante vinte días. Nese tempo, cada un terá unha especie de ventá á vida do outro: a través da información que recollen o acelerómetro e o GPS do móbil, saberán cando espertan, se están camiñando ou indo en coche, tomando un café, etc. A app envía a información en forma de imaxe (escollida de Instagram ou Street View nun radio o suficientemente amplo como para que non haxa perigos) e unha palabra para describir a actividade. O outro usuario podería recoñecer o lugar ou non.

Os usuarios emparellados espían durante eses vinte días a vida diaria do outro, pero sen saber o máis importante: a súa identidade. Tan só ao final dese tempo teñen a oportunidade, se queren, de enviarlle unha mensaxe ao outro. Porque sería estraño ter compartido tantas cousas e non poder nin dicir “ola”.

A idea recupera a fascinación e curiosidade que podemos sentir polas vidas e rutinas de persoas totalmente alleas a nós. Nun mundo no que parece que xa temos que ir sempre coa identidade por diante, no que todo o que non leva identidade leva inevitablemente á desconfianza, a proposta é diferente e atractiva. Ao igual que nos gusta enviar e recibir postais de xente á que non coñecemos, gústanos poder mirar por unha pequena fiestra como é a vida desa outra persoa noutro lugar do mundo.

“Non intentamos contar unha historia que sexa exacta ao cen por cen”, explicaba Kevin Slavin, director de Playful Systems, a Fast Company. “O que estamos a intentar facer é producir unha historia coa textura e detalles suficientes para facer que imaxines unha vida real noutro lugar do mundo, sucedendo xusto agora, conectada coa túa”.

A app está polo de agora en beta, e se tes un iPhone 4 ou superior podes escribirlles aquí para que che dean os detalles para poder descargala e probala. Algo fantástico de 20 Day Stranger é que non foi lanzada só para xente dun lugar determinado, como acontece moitas veces coas betas, xa que non tería sentido. “É unha das nosas maiores prioridades, quen son eses 1.000, 10.000, 100.000 primeiros usuarios. Non hai un só tipo de persoa que vaia facer a app útil. É a calidade heteroxénea de todos en conxunto. O que é unha estratexia bastante mala se estás a facer un software comercial”.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará