Secret, Whisper e as apps nas que contar (escuros) segredos

segredoO Internet do 2.0 (3.0? ando algo perdida cos números) trouxo consigo a perda do noso anonimato. Ese anonimato detrás do que nos agachábamos naqueles primeiros chats, esa seguridade de que podiamos ser quen quixésemos ser. As redes sociais, como xa comentamos hai pouco, acabaron con iso. Quen quere ser anónimo podendo levar a súa identidade sempre por diante? A promesa era algo máis sofisticada ca a dos chats con nicknames: o noso nome é o real, pero seguimos a ser nós quen seleccionamos que parte de nós mesmos queremos compartir. Todos eses “amigos” e coñecidos poden crer que somos máis guays, máis intelixentes, máis felices do que somos na nosa triste vida real.

As consecuencias disto só podían ser negativas. Persoas cada vez máis illadas, que dalgunha forma senten a necesidade de contar que todo lles vai ben porque cren, grazas ao que ven en redes sociais, que a toda a xente que coñecen lles vai ben tamén. Sempre en festas, sempre na praia, sempre facendo cousas especiais. E si, todos temos o clásico contacto coñazo que prefire contar os seus problemas (ou dicir cousas misteriosamente depresivas para que a xente lle pregunte), pero polo xeral en Facebook a xente é feliz. A realidade xa sabemos que é outra.

Pero, e se houbese unha plataforma na que dicir o que realmente estás a pensar e sentir, coa seguridade de que ninguén saberá que es ti quen pensa e sinte? A pregunta é ben parva: hai centos de foros en Internet, hai ata chats deses de cando Internet era novo e nós falábamos con estraños. Esas plataformas, claro, cheiran un pouco a vello, e dá un pouco de medo entrar e ver quen hai dentro (eu unha vez volvín a Second Life e aínda había xente). Non hai nada algo máis contemporáneo? Unha app, queres dicir? Claro que si! Hai moitas! Pero as raíñas son dúas: Secret e Whisper.

A idea é máis ou menos a mesma: abres a app, escribes un segredo, engades unha imaxe que acompañe, e publicas. Podes recibir “gústames” e comentarios, e ata mensaxes directas. Pero ninguén sabe que es ti. Tamén podes adicarte sinxelamente a ler os segredos. Moitos problemas de amor, pequenas xoias da sinxeleza como “a miña avoa non sabe que estou a fumar herba no seu garaxe”, e cousas desas que non queremos confesar a ninguén que nos coñeza. Entre Secret e Whisper, iso si, hai unha diferencia fundamental: en Whisper as mensaxes son lanzadas ao mundo en xeral (aínda que tamén podes escoller ver segredos de xente próxima nun radio duns quilómetros); en Secret, son de xente á que tes como contacto no iPhone (ou dos seus amigos, ou amigos de amigos de amigos), o que aumenta o morbo bastante.

As intencións eran en ambos casos boas. Whisper quería dar unha plataforma a esa xente que está soa e triste na casa vendo fotos de xente en festas e na praia, un lugar no que desafogarse e recibir apoio doutros usuarios. Estar menos sós. Secret buscaba darlle o toque persoal, ese contar aos teus amigos o que non te atreves a dicirlles en persoa (como se estiveses nun cuarto cos teus amigos, pero non soubeses quen está a dicir que, din os creadores). O resultado non é sempre positivo, porque xa sabemos todos que o anonimato esperta tamén o peor de moitos.

interface-whisper-secret_2525401395086058

Hai queixas e críticas: estas apps son un branco demasiado fácil, un novo lugar nos que os matóns ou abusóns ou bullies, como lles din agora, poden realizar as súas actividades maléficas. Insultar sen dicir quen somos! O creador de PostSecret, esa fantástica web á que a xente envía postais reais (si, por correo!) cos seus segredos, lanzara tamén unha app hai un tempo, pero pechouna precisamente por isto. El é un dos principais detractores de Secret, Whisper e compañía.

Eles deféndense dicindo que a cousa non é tan mala. Whisper ten un equipo de editores e en Secret os usuarios teñen que dar o seu mail e teléfono, de modo que o anonimato desaparece se hai problemas legais. Ademais, os usuarios poden reportar a outros, nese control pola comunidade que funcionou sempre tan ben en Internet.

Despois está o outro tema, o dese anonimato prometido que non é tal. En Secret está claro polo do mail e o teléfono, pero en Whisper tamén saben quen es. O mundo da publicidade está xa a frotar as mans pensando en todos eses usuarios. Unha palabra clave e un lugar xeográfico poden dar unha segmentación perfecta, din. Todo o que fas en Internet é público e pode seguirse unha pista ata ti. Aínda que esteas a xogar en Secret ou en Whisper a contar segredos.

Canto debería preocuparnos todo isto? Posiblemente non moito. Entrar nalgunha destas apps (eu probei só Whisper, e aínda estou á busca dunha app que nos permita aos usuarios de Windows Phone compartir segredos, tamén existimos!) é ás veces divertido e ás veces triste. Unha especie de “asco de vida”, un ver como á xente lle vai peor que a nós. Pero pasado un tempo, cansas e pasas a outra cousa. Quen lembrará todo isto dentro duns meses? A nosa predición: pouca xente.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *