Pints in the sun: a app para escoller a terraza máis soleada

pints in the sun

Houbo un tempo no que os seres humanos entendían o ceo. Sabían de onde a onde se movía o sol, eran quen de orientarse grazas a ese movemento e podían ata adiviñar a hora que era! O progreso e a tecnoloxía tiveron o efecto contrario: cada vez somos máis analfabetos do mundo, e por moito que saibamos a teoría, moitas veces temos problemas derivados de claros malentendidos coa natureza. Xa sabes. Cando aparcas seguro de que o coche terá sombra en pouco tempo e o que acontece é o contrario. Cando escolles unha terraza para tomar unha cervexa porque está ao sol e cinco minutos despois o sol xa se moveu no ceo (eh eh, sabemos que en realidade non é o sol quen se move, vale?) e desapareceu.

Cres que este problema non o ten ninguén? Estás equivocado: hai uns ingleses, os responsables do estudio de deseño Poke, que están fartos de quedar para beber as súas pintas en terrazas nas que non hai sol, así que decidiron crear unha ferramenta para solucionalo: Pints in the sun! A solución para todos os que non entenden o ceo e están convencidos de que o sol se move de forma aleatoria (básicamente, para fastidialos).

Trátase dunha sinxela aplicación web, aínda en fase experimental, que xuntando datos de Open Street Map, GeoJSON, D3, ThreeJS, SunCalc, Foursquare e facendo algunhas matemáticas, permite ao usuario buscar no mapa onde está e deslizar un control para escoller a hora. Irás vendo como o sol e a as sombras van cambiando e, grazas á información dos bares que hai en Foursquare, saber se a determinada hora o lugar ao que queres ir terá sol ou non. Fantástico, non?

Para os que estades pensando que isto é algo necesario só para xente inútil (alguén dicía nos comentarios do artigo que escribiron en Gizmodo sobre a app que tamén “poderías, non sei, ter un entendemento básico do movemento do sol polo ceo e xustapoñer ese misterio coa hora do día”), que saibades que eles se defenden. Ao contar coa información 3D dos edificios é todo máis exacto. Porque moitas veces non contamos co que o edificio de enfrente sexa tan alto como para crear unha sombra que nos moleste (e si que o fai). Ou queremos atopar cal é a terraza da nosa cidade na que aínda hai sol na tardiña. 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará