Do “que guapo son” dos selfies ao “que bo gusto teño” dos shelfies

shelfie

Non podía ser que xa tan ben entrados como estabamos no 2014 seguísemos a voltas cos selfies, a gran tendencia e palabra de 2013. Era necesario atopar algo novo, algo diferente, outra desas modas das redes sociais. Por fin hai uns días en The Wall Street Journal detectaron esa tendencia en Instagram. Unha tendencia que leva moito tempo e que todos recoñeceredes, pero á que lle faltaba un nome para poder convertela en hashtag. Falamos dos shelfies.

E é que os selfies eran ao fin e ao cabo demasiado superficiais. Falaban da beleza exterior, da roupa tan guai que teño, do que molo facéndome fotos nada máis erguerme nas que grazas a sobreexposición, casualmente, non teño bolsas de ollos, do moito que me estou a divertir con esta xente tan cool que si, resulta que son os meus amigos. Que dicía iso do noso interior? Como expresar de verdade o que somos, a alma hipster, eses detalles especiais que nos definen? Do selfie ao shelfie.

shelfiee

Os shelfies son esas imaxes de obxectos que “nos definen” coidadosamente colocadas e fotografadas, a ser posible sobre unha superficie branca ou moi clara, moi libre de outras cousas e caos. As naturezas mortas do século XXI, fotos do museo que somos nós mesmos, no que ademais non vale calquera obxecto: como di Dale Hrabi, o autor do artigo no WSJ, grazas ao revival do vintage e antigo, “calquera cousa lexitimamente vella, con cicatrices, oxidada, obsoleta, feita a man ou orgánica ten un atractivo especial”.

Os shelfies clásicos, os máis populares e que supoñen xa unha especie de clixé son estes cinco, que seguro que recoñeces: o café con espuma de leite e un bonito deseño, a composición con revista (unha desas que queres que quede claro que les, mellor un Yorokobu que unha Cuore), a campá de cristal (con algo orixinal coma unha concha dentro), as gafas sobre a mesa (de pasta, mellor sobre algo escrito a man ou un libro deses que hai que ler para ser hipster) e, se es de Noruega, unha man de madeira (parece ser que ese shelfie é popular no país nórdico).

omeushelfie

Foto: Eu mesma tamén caín no shelfie

Se estás a pensar na orixe etimolóxica da palabra shelfie e a preguntarte onde diaños están as librerías cando só aparecen mesas brancas ou de madeira escandinava, a explicación é sinxela: o WSJ detectou a tendencia, pero no canto de inventar unha palabra nova roubáronlla aos amantes dos libros que xa desde hai tempo facían e compartían fotos das súas librerías. Importa? Non moito: quizais os shelfies orixinais non lle desen tanta importancia ao deseño, pero o obxectivo era o mesmo. Amosar o que queren que outros vexan deles. Ou por que había tan poucas veces best sellers neses shelfies de antano? De verdade o ‘Ulises’ de Joyce é o teu libro favorito?

Fai un percorrido polas túas fotos de Instagram. Seguro que recoñeces moitos shelfies, máis ou menos logrados. Se o tema te fascina, deberías conseguir o libro “The Stuff of Life”, da deseñadora Hilary Robertson, que vai precisamente diso: de arranxar obxectos de determinado modo, creando eses pequenos museos persoais nunha soa foto. Iso si, non esquezas o filtro.

Fotos | The Wall Street Journal

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *