Aínda que pareza que leva toda a vida aí, en realidade Twitter só ten 8 anos. Naceu en 2006 , limitando o que podiamos publicar aos 140 caracteres (e si, no primeiro momento todos pensamos que era unha tolemia e que ninguén ía aceptar que o limitasen así! Lembrades a aquela xente que usaba ferramentas para facer que os tweets fosen máis longos?) e creando unhas cantas cousas que agora pensamos que sempre estiveron aí (e non, non había hashtags antes de Twitter). Agora é unha empresa cotizada en bolsa, con moitísimos usuarios e que podes empregar en galego.
A rede social acaba de estar de aniversario e para festexalo acaba de lanzar unha ferramenta que permite descubrir cal foi o primeiro tweet de cada un dos seus usuarios. Xa sabedes: o clásico tweet de ola-Twitter-xa-estou-aquí (ou, se sodes tan chungos como son eu, unha noticia sobre os suicidios en France Telecom). Nas empresas e nas contas corporativas, hai outra variante de tweet típico: xa estamos traballando no noso!
Por suposto, para dalo a coñecer, Twitter mandou unha nota de prensa aos medios de comunicación no que destaca os primeiros tweets dos famosos e, no caso da nota que recibimos os medios en España, dos políticos. Así podemos saber que o primeiro que tuiteou Esperanza Aguirre foi “hoxe asino un convenio con empresarios madrileños para impulsar o financiamento das PEMES” (sic as maiúsculas) ou Soraya Saenz de Santamaría “SorayaSdeSantamaria (Sorayapp) on Twitter” cun link ao seu propio perfil en Twitter. Na lista de famosos estatais están Belén Esteban (“a primeira noticia: Participarei na película de Santiago Segura “Torrente 4”) ou Kiko Rivera (“Bolo co meu colega rafa mora!!”).
A ferramenta non so vos permitirá redescubrir o voso primeiro tweet, tamén podedes poñer calquera outra conta (por exemplo… Xunta: “Juárez presidiu a xuntanza ordinaria do FOGGA, que presentou un importante incremento dos fondos europeos xestiona… http://bit.ly/aB6sCn”).