Pensa: algunha vez lle dixeches a alguén que iso era como o emoticono non sei que da app non sei canto? Eu podería comunicarme durante horas usando só stickers de Line (o meu favorito era un osiño que regalaba un brazo amputado polo Samaín, pero o máis gráfico é o do mesmo osiño en chamas) e moita xente xura que a súa vida lle cambiou dende que Whatsapp incluíu á flamenca nas súas conversacións. Todo se pode contar con emojis. Todo absolutamente todo. As máis enrevesadas teorías e as máis complexas historias poden reducirse a unha cariña triste, unha flamenca ou unha pantasma sorrinte.
Ata Xogo de Tronos (e ollo que está cheo de spoilers).
Unha artista conceptual resumiu a trama do que xa levan adaptado na serie da HBO da serie de libros de Canción de lume e xeo nun vídeo que só usa emojis e a popular canción da serie. Pero isto non é máis que o punto culminante do que xa pode ser considerado un imperio. O imperio dos emoji ou dos emoticonos, no que todo e calquera cousa poder ser explicada usando só estes símbolos.
Katy Perry fixo un vídeo para unha das súas cancións no que toda a letra eran simplemente emojis.
Un fan traduciu unha canción de Beyoncé a emoticonos e fíxose viral.
E unha persoa fixo unha canción na que a mensaxe son emojis (e claro, falaron dela ata en FastCompany).
Os emoji comezaron en Xapón, onde os empregaban en mensaxería e webs. Todo empezara cando os adolescentes xaponeses usaban, alá polos 90, buscas. NTT Docomo, a principal operadora de telecomunicacións nipona, vía como os seus potenciais clientes marchaban á competencia e buscou algo que darlles que fose distinto. Xa podedes imaxinar o que argallou (e aquí tedes un completo artigo de The Verge sobre o nacemento dos emoji)
E se en Xapón comezaron nos 90, no resto do mundo chegaron un pouco máis tarde. Saíron do país coa chegada da telefonía intelixente e vía aplicacións conseguiron facerse cun oco nas nosas vidas. O iPhone e o seu éxito tiveron bastante que ver (Apple meteunos nos terminais e fíxoos famosos nos EUA). Hoxe hai Tumblrs adicados aos emojis, resumos de series en emojis, libros clásicos da literatura despachados cun par de emoticonos… Ata hai quen explica as obras clásicas de arte empregando emojis e símbolos asociados a internet.