Santigo(é)tapas, unha viaxe polos sabores


Dise que a orixe etimolóxica da palabra tapa vén do antigo costume que se estilaba nas tabernas e mesóns de tapar os vasos de viño cun anaco de pan, para evitar que entrasen po e moscas, mosquitos ou outros insectos. Hoxe, a sofisticación e a imaxinación mandan, ou polo menos, iso é o que se está a ver no Santiago(é)tapas, o IV Concurso de tapas de Santiago de Compostela, do que poderás gozar ato o 29 de maio.

Un total de 60 establecementos pertencentes a 5 (é)tapas (Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés) rivalizan á hora de conquistar aos consumidores coas tapas máis sorprendentes e saborosas.

Para participar, primeiro debes conseguir o teu Tapasporte en calquera establecemento adherido, na oficina de información turística ou na oficina municipal da Praza de Galicia, e comezar a coleccionar selos. Cada tapa ten un prezo único de 2 euros, e as propostas son do máis variado, aínda que a maioría teñen en común a utilización de produtos galegos cun aire renovado. Así, podemos atopar pelotiñas de grelo e touciño entrefebrado, caramelo de queixo de San Simón, espeto crocante de zamburiñas con maionesa de mandarina, ou milfollas de magret, mazá Granny Smith, salsa de cereixas e segredo de Estrella Galicia.

Entre a oferta de tapas, algunhas tan sorprendentes como o ‘Bloody Mary made in Galicia’ de O Curro da Parra, composta por berberechos, tomate, ceboliña e 3 pementos de Padrón, que o camareiro rega “co máis importante”, o Bloody Mary. Resulta enxeñosa e fresca, aínda que chega a cansar un pouco. No mesmo establecemento, ‘Mexillón en infusión de touciño’, que nun primeiro momento queda relegada pola elegancia do Bloody Mary, resulta deliciosa.

Outra proposta innovadora é a de Abastos 2.0, coa súa tapa homenaxe á ‘Sesión vermú’ galega. Componse dunha navalla cocida ao vapor envasada ao baleiro. A agua que solta a cocción solidifícase con xantana e prodúcese un xel de auga de mar co que se pinta a navalla. Despois de comer a navalla en dous ou tres anacos, en Abastos 2.0 recomendan pasar ao vermú, presentado nunha pequena pipeta, e por último, rematar cun anaco de mazá que sabe a lambetada. E todo isto acompañado de grandes éxitos de música de verbena, “desde Pucho Boedo a Pili Pampín”, que o camareiro nos sirve cun iPod e uns pequenos altofalantes.

Se completas unha ou máis (é)tapas podes conseguir diferentes premios, como por exemplo, un libro editado coas túas fotos e experiencias de tapas por Santiago, vales para produtos enogastronómicos, ceas de Menú Degustación, e ata un bono Spa para 2 persoas. Se ademais consumes as bebidas oficiais do (é)tapas podes optar a moitos máis premios e participar nun Gastrobingo. E tamén, por suposto, podes votar ás túas tapas favoritas nuns orixinais pousavasos que podes cumprimentar coas túas impresións e depositar nunha urna.

E pola noite, presentando o teu Tapasporte podes gozar do (é)copas, con combinados tan suxerentes como ‘Flores de outro mundo’, no Atlántico (Xenebra Premium, xarope de violetas, flores naturais e aroma de lima) ou a ‘Rosa do deserto’ da Borriquita de Belem (Xenebra, zume de arandos, zume de lima, xarope de mandarina e xarope de rosas).

Ademais, este ano Santiago(é)tapas estrea unha aplicación para terminais móbiles con toda a información do Tapasporte, xeolocalización dos establecementos e rutas do concurso, listado completo de tapas con fotos e receitas e un Tapasporte virtual que substitúe os selos por códigos QR.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *