Próxima visita: os sumidoiros da vila

O museo dos sumidoiros de París

Na romántica París, ou na intelectual París, como prefirades vela, hai unha parada turística que moi pouca xente fai. Ou que polo menos non fan aqueles que van pasar un fin de semana de torre Eiffel, bateau mouche e crepes de Nutella nalgún dos boulevards. Trátase dos sumidoiros da vila, que son visitables dende 1894.

O Musée des Égouts de Paris está na bastante pija zona do ponte de Alma. Entrase por unha especie de quiosco e agocha un museo sorprendente, o que permite coñecer e visitar as entrañas da cidade. Ou máis que as entrañas… os intestinos da cidade. Os sumidoiros parisinos datan do século XIX e o tramo que permiten visitar – da época- está aínda operativo. Se se conseguen vencer todos os prexuízos é unha visita moi recomendable, polo de exótica.

Se xa estiveches – coma min – e sentes que fuches ao museo máis bizarro do mundo enteiro, posiblemente te equivocas. Seguro que hai museos máis estraños que este e, sobre todo, seguro que hai máis sumidoiros abertos á visita na encantadora Europa.

Polo de pronto, Viena tamén permite xa visitar os seus sumidoiros. Acaban de abrilos ao público por dez euros e cun tour dunha hora que permite seguir os pasos dos protagonistas da película ‘O terceiro home’, que tiña a rede de augas residuais vienesas coma escenario. (Podedes ver os sumidoiros vieneses e o que da de si a visita no seguinte vídeo de MarketWatch).

Tamén hai museos dos sumidoiros en Bruxelas ou en Praga . En Galicia non temos ningún museo dos sumidoiros, aínda que a idea de percorrer as entrañas dalgunhas das cidades galegas é bastante atractiva. E en España só unha cidade contaba cun lugar así, Barcelona, aínda que as últimas novas sobre este museo non son moi alentadoras para a visita.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *