O Fogar do Santiso, o enxebrismo fíxose delicatessen

O Fogar do Santiso é un clásico da gastronomía compostelana, no que se poden encontrar familias, universitarios e turistas convivindo en paz e harmonía marcada por unha ración de polbo (un dos mellores probados) e bo churrasco.  O Santiso é tamén un dos sitios máis diferentes nos que comer, non apto para os mexeriqueiros.

O que fai ao Fogar do Santiso diferente… é o Fogar do Santiso en si. Esquécete de comer con garfo e prato de deseño. As racións no Santiso chegan en cadansúa enxebre bandexa para que as comas palillo mediante. As mesas son as alongadas mesas de madeira nas que cabedes vós e o outro grupo que veu comer ao mesmo momento, dignas dunha romeira de xa vai un tempo. Hai telas de araña nas esquinas, uns gatos que van e veñen e cadeiras feitas con cachopos de carballo. Para que vos fagades unha idea da clase de sitio exótico ao que vos conducides: o meu pai chámalle o trapalleiro.

Pouco importa: todo está delicioso. E a cociña non é tan enxebre (algunha vez a porta queda medio aberta e os clientes que pasan non poden evitar botar unha ollada: é unha cociña de bar con cociñeiras que levan redecilla no pelo) como para que teñades que sufrir ante a idea dunha intoxicación.

Ademais, agora o Fogar do Santiso ampliou a carta e aos clásicos polbo, churrasco, tortilla e patacas fritidas rebosantes de sal (unha delicatessen, crédeme) sumáronselle pratos de cociña ecolóxica, como a brasada de berenxenas recheas ou a pizziña do fogar á brasa. Todo pode ser regado coa mellor sidra probada xamais por esta redactora, a de cultivo ecolóxico de Manzanova (deliciosa).

Para os non iniciados, chegar ao Fogar do Santiso non é moi sinxelo, porque non está en Santiago exactamente e hai que meterse por unhas cantas comarcais. Hai algún que outro letreiro a indicar o camiño pero sempre quedará, claro está, Google Maps para chegar con ben. Tamén é importante chequear antes da visita na súa web os horarios: non abre tódolos días.

Foto | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

  • O éxito do Santiso radica no “exotismo” que supón para os ‘urbanitas’, máis que na cociña en sí (“da morea”, hai sitios con pratos moito máis sabrosos) ou a ambientación. Síntoo, pero para os que somos de aldea, non é máis que comer nun alpendre, e nin sequera especialmente cómodo.

    E bueno, fáltavos mencionar a variedade nos licores, responsable de importantes “lavados de estómago”, independientemente de que a xente saiba beber ou non. ¡Precaución con eles, que non todos sentan ben!

    De calquer xeito, unha boa opción para ir en pandillas pequenas, pero que sale realmente cara ó facer ceas organizadas (na proporción precio/comida).

  • Miguel Rial di:

    Estanse a facer moi boas sidras eco galegas.Véxase tamén Maeloc ou Ribela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *