Empecemos coas confesións: eu teño un ukelele, o primeiro artigo da historia de Disquecool falaba do pequeno instrumento hawaiano (non! portugués!), na nosa disquefesta intentamos facer unha ukekedada. Somos tan culpables de todo isto como o primeiro xenio da publicidade que decidiu meter unha canción a ritmo de ukelele nun spot que amosaba a xente cool, feliz e ao sol; tan culpables como Zooey Deschanel ou como Israel “IZ” Kamakawiwoʻole. Pero xa está. Todo ten o seu fin e cremos que a era do ukelele como instrumento rei do hipster e do cuqui ten que rematar.
Entendemos que ten moitas vantaxes. É barato, fácil de levar a calquera lugar, fácil de empezar a tocar. Pero está tan en todas partes, estamos xa todos tan, tan fartos, que toca cambiar. Busca ser algo máis orixinal, proba cun instrumento exótico de verdade e que pida de ti algo máis ca mirar uns cantos tutoriais en YouTube. Estas son as nosas propostas:
1. Theremin
Vén moi a conto porque xa o probaches onte no doodle de Google e pode que ata pasases algo de tempo fascinado en YouTube. Porque o theremin, inventado polo ruso Léon Theremin (o seu nome real era Lev Sergeyevich Termen, pero cambiouno para soar máis occidental) en 1920, ademais de ser un dos primeiros instrumentos electrónicos e o primeiro que se fabricou en masa, hipnotiza. É como facer música co aire! E soa tan bonito! Hai ata versión de Somewhere over the rainbow para facer o paso desde o ukelele máis sinxelo. E acabo de ver que en eBay hainos por 70 euros.
2. Lur
Falamos do lur máis recente, o instrumento de vento de madeira que era bastante popular en Escandinavia durante a Idade Media. Tes dúas versións: a bélica, na que o tubo de madeira sen buratos, dun metro de longo, se usaba para reunir ás tropas e espantar ao enimigo; e a de campo, usada para reunir e guiar ao gando. Non digades que non vos entran ganas de vestirvos de medievais e subir a tocalo ao monte…
3. Harmónica de cristal
Se es o típico que nas reunións familiares sempre remata facendo música cos vasos que quedan na mesa, este é o teu próximo paso lóxico. A harmónica de cristal foi inventada por Benjamin Franklin (si, o do pararraios e un dos pais fundadores de Estados Unidos) en 1762. A inspiración chegou tras un concerto tocado en copas de viño cheas de auga e ao pensar que era moi difícil de afinar. Solución? Vasos de distintos tamaños! No caso da harmónica son platos superpostos de forma horizontal e que xiran grazas a unha correa. O músico molla os dedos e vai tocando. De Mozart a Tom Waits, pasando por Beethoven, todos eles fixeron música para esta harmónica. Non quererás ser menos, non?
4. Mbira
Tamén coñecido como Kalimba, é o instrumento nacional de Zimbabue. Está formado por unha serie de lengüetas de madeira ou metal unidas a unha táboa de madeira (moitas veces unha caixa para que resoe). O músico presiona as lengüetas cos polgares e a música, moi doce, vai soando. En eBay hai moitas e son moi baratiñas. Tamén ocupan pouco espazo e son moito máis orixinais que o ukelele!
5. ‘Ohe hano ihu
Se o que máis che gustaba do ukelele era a relación con Hawai, o que queres é un ‘ohe hano ihu, tamén coñecido só coma hano ou directamente polo que é: frauta de nariz. Xa, tocar unha frauta co nariz non parece o máis agradable do mundo (e se tes mocos?), pero que saibas que era o que se tocaba para seducir á muller amada. E a verdade é que o son é bastante bonito…
Foto | GanMed64