NOS Primavera Sound 2016: os artistas que non nos perderemos

nps16lineup

Hoxe empeza o Primavera Sound en Porto! Un ano máis, andaremos por aí para escoitar, desfrutar e despois contarvos a experiencia. Estes son os artistas aos que lles temos máis ganas:

1. Brian Wilson

Que si, que todo o mundo di que en Barcelona foi unha decepción, pero penso que en parte ten que ver con levar unhas expectativas pouco realistas: estás a ver a un home de 74 anos con problemas serios de saúde desde hai moito, alguén que xa sabes que non é o que foi porque é imposible. A Brian Wilson hai que velo desde unha perspectiva emocional, para ser felices unha vez máis coas cancións dese disco perfecto, cantalas, pechar os ollos e darlle as grazas por ter feito algo así.

2. PJ Harvey

Por suposto. Polly Jean faino todo ben, os discos e os directos, e aí sabemos que vela é garantía de éxito. Confesarei que a min ‘The Hope Six Demolition Project’ gústame menos que ‘Let England Shake’, pero só porque o listón estaba demasiado alto. E sei que o problema é meu, non de PJ. Nunca de PJ.

3. Air

O de Air promete ser un concerto de grandes éxitos (lanzan xusto o venres un disco de conmemoración do seu vixésimo aniversario), deses que deixarán a algúns hipnotizados e que invitarán a outros a aproveitar para ir comer algo. E iso é o que queremos que fagas se non che gustan: facer outra cousa e non quedar e pasar o concerto falando (isto vai para todos en todos os concertos, claro).

4. Cass McCombs

McCombs toca bastante cedo, pero alí estaremos. Hai voces e cancións que deberían ser obrigatorias e as deste artista californiano son desas. Ademais, toca tantos paus distintos en cuestión de estilo (sempre preto do folk, iso si) que é imposible que aburra.

5. Beach House

En 2015 tiñan tantas cousas que contar que lanzaron non un, senón dous discos. E ambos dous eran bos! Os reis actuais do dream-pop, ese pop que anima a pechar os ollos e empezar a flotar, chegarán e farán o de sempre, porque non son deses que sorprendan en cada concerto. Iso si, entre as cousas que fan sempre está dar concertos case perfectos.

6. Algiers

Só teñen un disco, ‘Remains’, pero un que deu moito que falar o ano pasado. Algiers mesturan gospel con funk e outros ritmos aparentemente afastados e chegan ao Primavera Sound para intentar demostrar que son algo máis ca un hype.

7. Sigur Rós

Que dicir dos islandeses que non saibamos xa? A súa música como chegada doutro planeta (un deses con extraterrestres bos que chegan á Terra en son de paz), as súas letras nunha lingua inventada… No concerto repasarán a súa carreira e probarán tamén temas novos que supoñemos que irán no seu vindeiro disco.

8. Destroyer

En maio estiven en Nova York e Times Square era unha das cancións que non podía deixar de tararear (especialmente cando andaba pola praza en cuestión, intentando non ter un ataque epiléptico). Dan Bejar é deses músicos especiais, cun estilo familiar á vez que totalmente distinto a outras cousas que teñamos escoitado. Leva xa uns cantos discos como Destroyer, cada un mellor que o anterior.

9. Wild Nothing

Queres pop que cheira a anos 80 e 90 e cancións que falan de amor? Achégate a ver que fai Jack Tatum, líder de Wild Nothing, cando saia ao escenario. O seu último disco, ‘Life of Pause’, é máis alegre e popeiro ca os anteriores, e iso é xa dicir moito.

10. Car Seat Headrest

Máis revival dos 90, neste caso moito máis guitarreiro que a proposta de Wild Nothing. Will Toledo, o rapaz detrás de Car Seat Headrest, ten a clásica historia de prodixio indie introvertido na era de Internet: gravou a música dos primeiros temas no ordenador da casa e as voces no coche, porque tiña vergoña a facelo no salón (onde estaba o ordenador). E así estivo, producindo sen descanso, ata chegar á situación actual: ten 11 álbumes subidos ao seu Bandcamp. Agora ven xa con contrato con Matador Records e disposto a seguir creando sen pausa. A súa idade? 23.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *