Festival Sinsal 2016: a maxia volve a San Simón (venres 22)

bateeira

Un ano máis, fieis á nosa cita co mellor festival do mundo, a pasada fin de semana collemos o barco rumbo a San Simón sen saber que atoparíamos na illa. Este ano moito máis perdidos, sen listas coas nosas apostas, xa que a organización optou por non dar pistas que presumían demasiado doadas. Se o ano pasado o 80 por cento dos asistentes votaron que querían seguir cun cartel segredo, para que darnos ferramentas aos que non somos quen de resistir certas tentacións?

O venres, como xa vén sendo habitual nas últimas edicións, o festival era só pola tarde. Chegamos a iso das seis menos algo (a prensa chegou en bateeira!) e por fin puidemos ver o cartel para ese día: as encargadas de abrir o Sinsal eran Pega Monstro, un dúo de irmás de Lisboa que fan rock dese cru e enerxético e que se ocuparon de deixar claro aos primerizos do festival que entorno bucólico non significa necesariamente música tranquila e acústica. A modo de anécdota persoal, un amigo portugués que viña este ano por primeira vez ao festival quedou marabillado, asegurando que eran o seu grupo favorito do país e caendo nas redes de Sinsal xa nos primeiros minutos.

Tras este comezo no novo palco no Paseo dos Buxos, tocaba trasladarse á illa de San Antón para descubrir a e namorar de Marc Jonson, un cantautor norteamericano que en 1972 debutou con ‘Years’, un disco que co paso dos anos acadou a categoría de de culto. As comparacións con Sixto Rodríguez (si, o de ‘Searching for Sugar Man’) son moitas e inevitables, pero quizais sobren un pouco. Jonson ten méritos de sobra! O seu folk-pop marabillou aos presentes, así como a súa actitude entregada desde un principio e evidente felicidade de tocar nun lugar como San Simón (“dicíalle antes a Víctor -Víctor Ramírez, á guitarra e responsable de que esteamos a ver a Jonson por España -, ‘non me importa se non aparece ninguén, eu só quero tocar aquí'”, comentou). Repartiu sorrisos, caeu varias veces aos xeonllos, encheu ou aire de pop perfecto, alabou que todo o mundo estivese sorrindo no público e fixo bis, claro, porque quen querería deixar de tocar ante algo así?

Marc Jonson

Marc Jonson

Despois tocaba o prato forte, se por prato forte entendemos “nome máis coñecido”, da xornada: El Guincho. Moita xente chegou tarde por quedar a ver o bis de Marc Jonson (para os que se queixaron, cantas veces volveredes a ver ao norteamericano?), e pode ser que o concerto de Pablo Díaz-Reixa soubese a pouco. Iso si, a súa electrónica tropical, música ideal para bailar nunha illa nun día de calor, fixo moverse a toda a xente que baixou ata o Escenario SON Estrella Galicia (moitos ata se atreveron a abandonar a zona de sombra!). Viña co seu último disco, ‘Hiperasia’, baixo o brazo (non literalmente), pero tamén puido recuperar algúns outros temas de traballos anteriores.

El Guincho

El Guincho

De El Guincho a Rangda, de volta no Paseo dos Buxos. A súa proposta non foi das miñas favoritas (é isto un eufemismo? sen dúbida), pero todos sabemos que isto é parte do encanto do festival. Sabes que verás música moi variada, que descubrirás e amarás algúns concertos, que te sorprenderás desfrutando de cousas que os teus prexuízos din que odias, e que noutras ocasións aproveitarás para comer algo ou descubrir a illa. Rangda fan unha sorte de rock duro case progresivo e postcore (pero eu nestas etiquetas xa me perdo) e eran unha das apostas instrumentais deste ano. E o xefe é o guitarrista Richard Bishop, que ten suficiente pedigrí e currículo como para calarnos a todos os críticos de oído delicado.

E chegou o máxico final. Sabíamos algo dos franceses We Are Match? Nin eu nin ningunha das persoas coas que falei tiñan oído falar deles, pero sei que están xa na lista de descubrimentos que agradeceremos eternamente a Sinsal. Aí con Champs e Alt-J e Maia Vidal e Jambinai. We Are Match son un quintento de Normandía coa clásica historia de “amigos desde pequenos” (non hai moito tempo diso, todo hai que dicilo). Chegaron a San Simón con pop, ritmos bailables, moitísima enerxía e ganas de contentar a un público entregado xa desde o principio. “Os novos Phoenix”, comentaba alguén ao meu carón, mentres todos nos preguntabamos por que non oíramos falar nunca deles. Agora están xa na nosa lista de máis reproducidos da semana en Spotify.

Fotos | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *