Disquerreto: un mes sen espertador

espertar

Outono significa moitas cousas, pero case todas teñen que ver con (re)comezos. Os rapaces volven ao cole, os maiores volvemos á rutina tras as vacacións ou o espírito estival que sempre fai que vivamos máis relaxados cando os días son longos, e chega a hora de intentar empezar novos hábitos para ser mellores. Empezar no ximnasio, apuntarnos a clases dalgún idioma, decidir desta vez si empezar a ir para a cama algo máis cedo. Un pouco como se estivesemos en xaneiro, pero cunha vantaxe extra: segundo explica a ciencia, os propósitos de setembro ou outono tenden a cumprirse máis ca os de Aninovo.

Dentro deste espírito de renovación e experimentación, hai un par de semanas que penso en que facer, que probar, que empezar ou cambiar. A idea era dar con algo que puidese despois contar por aquí, porque son ben consciente de que o feito de estar a dicir de forma pública que pretendo facer é un gran incentivo para despois facelo (en serio, os propósitos secretos nunca chegan a nada). Pero que intentar? Xa fago a cama todos os días e marcho para a cama antes que o resto da poboación deste país (normalmente apago a luz entre as 11 e as 11:30). Pensei no de deixar de ver series durante un mes, pero decateime de que a recaída no mes seguinte para poñerme ao día (porque sei que o faría) sería moito peor. Pensei en todo iso que se di de como as nosas mañás determinan a nosa produtividade e felicidade e o éxito de todo o día. Lembrei que houbo un tempo no que eu era desas persoas que madrugaban sen dor e sen problemas.

A decisión? Probar a estar un mes sen espertador e ver que pasa.

Podo facer o experimento porque non teño horarios que cumprir (pros da vida freelance) e porque sei que non hai perigo de quedar durmindo ata as doce da mañá. Sigo a ser unha persoa matutina, aínda que quizais non tanto como cando aos 22 ou 23 anos entraba a traballar ás 6 da mañá e non me costaba demasiado erguerme (ás 5, o almorzo foi sempre sagrado), ou como cando en Viena abría un ollo sempre un minuto antes de que soase a alarma (e era quen de saír da casa en 45 minutos).

Nunca entendera á xente que deixaba que o despertador soase dous ou tres veces ata que empezou a pasarme a min un inverno hai dous anos. Estou a intentar erguerme demasiado cedo (teño o espertador ás 6:45, son moi moi lenta e perdo moito o tempo antes de saír da casa)? Ou simplemente é un problema dos tan discutidos ciclos do sono e sempre soa a alarma cando estou en metade dun? Decidirá o meu corpo que xa que estamos en época de cicloxéneses explosivas toca hibernar?

Empezarei hoxe (estou a escribir isto a tarde anterior, cando se publique xa terá dado comezo o experimento e espero estar esperta ás 9, hora para a que programarei o artigo) e farei resumos semanais. Quen queira o día a día, para iso está Twitter. Despois dun mes, a valoración final.

Haberá, iso si, unha excepción: se teño que coller algún medio de transporte ou teño algunha cita pola mañá cedo, porei a alarma. Ou iso é o que penso agora. Quizais descubra que en realidade ás 6 da mañá estou sempre en pé e fresca coma unha rosa e non necesite despertador nin para eses días!

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *