6 cousas que aprendín na miña vida #senespertador

cama

A mediados de setembro do ano pasado, nun deses momentos nos que queres darlle un cambio á túa vida que a mellore pero que non implique demasiado esforzo, decidín eliminar o espertador da miña vida. A idea era estar un mes e ver como cambiaban as cousas semana a semana, pero como xa contei nas conclusións dos primeiros sete días, todo parecía indicar que xa estaba, que nunca máis volvería a usar o espertador porque a vida sen el estaba a resultar igual, pero sen sobresaltos matutinos. É dicir, moito mellor.

Agora, a piques de cumprir cinco meses desde que iniciei o reto, podo dicir que non estaba equivocada. O espertador xa non forma parte da miña vida. Estas son as cousas que aprendín:

1. O meu corpo necesita durmir entre 7:30 e 8 horas cada noite. Isto xa o sospeitaba despois da primeira semana, pero non sabía se era por costume ou porque de verdade eran as miñas horas. Agora, tras cinco meses, podo dicir que estou bastante segura do tema. Sigo a intentar apagar a luz entre as 11 e as 11:30, porque sei que se me paso cando abra un ollo serán xa as 8 (e non é o meu obxectivo).

2. O snooze segue na miña cabeza. Era o meu reto persoal, ser capaz de saír da cama cando espertase de forma natural (a unha hora decente) sen dicir “un pouquiño máis” e durmir media hora extra, pero segue a ser demasiado duro. Veremos se a cousa cambia na primavera e no verán, porque…

3. … saír da cama quentiña en inverno é sempre duro. Porque non sempre quedo durmida de novo, moitas veces quedo eses minutos extra esperta pero sen querer saír. A cama é quentiña e acolledora. O exterior é a vida real de frío e traballo. Necesito reunir moita forza de vontade para saír ao exterior.

4. Se teño que coller un medio de transporte a primeira hora, os nervios farán de alarma. Mentiría se dixese que non puxen nunca a alarma nestes meses: fíxeno nun par de ocasións para coller trens ou avións a primeira hora, pero foron alarmas puramente preventivas. En realidade espertei sempre antes de que soase polos clásicos nervios a perder a viaxe.

5. Xa non necesito power-nap das 4 da tarde. Antes era imprescindible: ou durmir 15 minutos no sofá (nunca necesitei máis) ou tomar un café. Agora xa non.

6. Non usar alarma fai que me sinta un pouco superior. Para que negalo, todo isto ten tamén un punto de elitismo. Agora que chegamos a unha idade na que xa ninguén presume de durmir pouco, senón de durmir todas as súas horas, comentar que marchas para a cama ás 11 e despois non usas alarma fai que me sinta ben. Sabedes quen máis vive sen espertador? Oprah! Ademais, é como non necesitar algo que todo o mundo necesita: sabiades que unha das prioridades tras a Segunda Guerra Mundial foi fabricar espertadores? Durante a guerra deixaran de producirse porque esas fábricas adicaron os seus esforzos á fabricación de partes de avións, pero cando chegou a paz chegou o caos: non había espertadores e a xente chegaba tarde ao traballo!

Sabedes quen non tería chegado tarde?
Todos os que vivimos fóra da escravitude do espertador.

Imaxe | Dawid Cedler

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *