4 mercados pop up para o Nadal

mercadotprensa-6

Chega o Nadal e chega o momento de consumir e consumir. Temos a escusa perfecta, que é a de que non estamos comprando (só) para nós. Tamén é para os seres queridos!!, que estamos en tempo de agasallos. Co Nadal tamén chegan os centros comerciais que abren case 24 horas, os catálogos de xoguetes na caixa de correo, os anuncios de perfumes (que despois crean confusión temporal cando os emiten no verán) e as peladillas que entraron na casa hai como cinco anos nalgunha cesta de Nadal e que ninguén comeu pero que sempre saben reaparecer cando toca, un misterio digno de Cuarto Milenio. Para aqueles que buscan algo distinto o Nadal ten igualmente recursos que ofrecer, porque é un período ‘quente’ en mercados pop-up e elementos efémeros que chegan para as festas. Na fin de semana pasada xa había uns cuantos e esta fin de semana haberá outros. Seleccionamos catro que parecen moi interesantes pero, nesta era do crowd o que sexa, invitámosvos a deixar máis propostas nos comentarios, para que todo o mundo poda atopar o seu favorito.

1. MercaDot, Vigo

Estará aberto entre o 12 e o 13 de decembro e a idea mola non só porque sexa un mercado de deseño senón tamén porque ocupan un edificio abandonado. Durante estes dous días, será posible entrar nun edificio de García Barbón que habitualmente está pechado aos visitantes. O edificio é un deses tan cool de hai cen anos e obra de  Jenaro de la Fuente. As paredes foron preparadas para o gran día por varios ilustradores. Ademais de ilustración (e visita de edificio non visitable) o mercado permitirá descubrir (e mercar) a obra de algo máis de 40 novos creadores.

2. Mercado da Estrela, Santiago

mercado da estrela

A fin de semana será completa no que a temática asociada ao Nadal toca en Compostela. Comezarán todas as actividades do Nadal nas rúas e haberá non un senón dous mercados especiais. Un deles é o da Estrela, que só estará aberto entre o 12 e o 13 de decembro e que ocupará a zona da entrada de Bonaval, a praza do 8 de Marzo, o Museo do Pobo Galego e a sala Zona C. Contará con gardería para nenos, obradoiros (de hortas urbanas ou de teatriños de papel), apertura especial do Museo do Pobo Galego (que será gratis durante o mercado) e por suposto moitos postos de produtos creativos. Tamén haberá comida. Dende a organización explican que contarán con 9 postos de restauración e marcas enogastronómicas na Cantina Gourmet e con 2 foodtrucks.

3. Mercado de Nadal, Santiago

Outra das cousas especiais para o Nadal en Compostela. Ocupará a nave 5 da Praza de Abastos (e sempre é bo ter unha escusa para ir unha vez máis á Praza) e estará ata o próximo 5 de decembro. Prometen gastronomía e artesanía.

4. @abecedario, A Coruña

Non todo no Nadal é gastronomía ou artesanía. Tamén están os libros, que son o agasallo que merca o 33,2% dos españois segundo datos de Cetelem. Na Coruña van fusionar libros e mercados e iso mola. Do 17 ao 20 de decembro, no Mercado de San Agustín, haberá Salón do Libro. O programa inclúe tamén as actividades habituais de toda feira con libros, como presentacións ou contacontos.

Fotos MercaDot e Mercado da Estrela

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará