6 razón polas que deberíamos voar en zeppelín

zeppelin vigoAlá polo principio do século XX, un dos grandes debates sobre o que marcaría o futuro era o de determinar como se moverían os viaxeiros polo aire nas décadas seguintes. Como nos conta Léo Gerville – Reache na súa fascinante crónica La vuelta al mundo del Graf Zeppelin (acaba de publicalo en castelán Macadán Libros) aquel era un debate no que estaban metidos todos os políticos e os mandamáis do entón mundo moderno.

Na época, tanto aviadores como o que sexa que se poda dicir para os que levaban os zeppelíns, estaban entregados a unha carreira por conseguir xesta tras xesta no mundo do aire. Unha desas xestas, que foi ademais unha das derradeiras grandes cousas que se podían permitir os ricos e aventureiros (pouco despois foi o crack do 29 e os cartos non fluían tan amablemente), foi á volta ao mundo que emprendeu un dos máis icónicos zeppelíns da historia, o Graf Zeppelin, no verán de 1929.

Sabemos como foi toda a viaxe porque – nun toque moi moderno – o zeppelín e a súa tripulación non viaxaban sos. Na viaxe ían uns cantos ricos, como Mr. Leeds, casado cunha princesa rusa e que levaba un gramófono, ou o médico persoal de Afonso XIII, pero sobre todo ían moitos xornalistas. A viaxe foi unha desas aventuras do ano e da década e un bo exemplo de que as viaxes de prensa (esas nas que che intentan convencer do moito que molan as súas cousas) non son cousa de antonte. Na volta ao mundo, ían xornalistas de varios países que tiñan a exclusiva. Entre eles, estaban os tres que mandaba o grupo Hearts, e entre os que estaba a única xornalista da viaxe, e que competían entre eles por ser os primeiros que mandaban as súas crónicas. E tamén estaban Léo Gerville – Reache, que era o xornalista que enviaba o daquela moi popular xornal francés Le Matin. A Gerville – Reache o seu xefe díxolle ‘teño unha viaxe para ti…’ e mandouno a facer as maletas.

Gracias ás súas crónicas no só podemos palpar a aventura (que foi moita: era a primeira vez que se voaba sobre o Pacífico dun lado ao outro) senón tamén descubrir o glamour de viaxar en zeppelín.

1. Tiñas 20 quilos de equipaxe. E punto

O de limitar o peso e facerche sentir medo non o inventou Ryanair!!! Sorprendentemente (moi sorprendentemente) na era dos pioneiros da aviación xa había límites no que podías levar ou non. Gerville – Reache conta que só podían subir a bordo con 20 quilos de equipaxe e que as políticas eran moi severas, tanto que lles deixaron claro que todo quilo de máis quedaría en terra. Os xornalistas e os viaxeiros que ían nesta viaxe de volta ao mundo fixeron certos apaños entre eles para poder levar todo o que querían e os que levaban menos peso pasaron cousas dos que ían máis cargados. Sen embargo, ao ler xorden certas preguntas. Como fixeron para subir as súas máquinas de escribir? Todos os xornalistas levaban unha. Estarían fóra do peso?

2. Despedidas dignas da zona VIP

Nada dun control de maletas nunha zona aséptica dun aeroporto de teitos altos no que se escoita en bucle o de ‘pola súa propia seguridade lembrámoslles…’. As despedidas das viaxes en zeppelín eran moito máis grandiosas: antes de embarcar, eles tiveron unha festa por todo o alto nun hotel alemán, con jazz band e toda a decadencia dos Tolos 20.

3. A xente vestíase para cear

Posiblemente todos temos escoitado ou vivido historias desas que fan sacudir a cabeza sobre persoas en avións. A xente nin é coidadosa cos veciños nin coida ela mesma moito o de o que vai facer no avión ou como vai ir. Nun voo Santiago a Madrid semella un tanto ridículo. Cando fas voos máis longos o ridículo parece vestirse de gala, cando o único que queres e ir confortable. Nada de vestirse elegantemente, como a xente dos anos 50 ou 60… ou estes primeiros viaxeiros. No Graf Zeppelin, como se fose un capítulo de Downton Abbey, a xente  mudaba de roupa para cear.

la-vuelta-al-mundo-del-graf-zeppelin4. Tiñas cociñeiro a bordo

Claro que é comprensible que a unha non lle entren moitas ganas de poñerse un vestido de lamé prateado para comer unha desas bandexas misteriosas dos avións (aínda non sei se, nun voo, comín polo con patacas ou polo con pasta…) ou un deses bocatas polos que che cobran cantidades incribles. Iso non acontecía no Graf Zeppelin. O zeppelín levaba un cociñeiro-chef e unha sorte de camareiro-maitre-tripulante de cabina que chamaba á mesa e que servía. Por poñer, poñían ata un menú escrito nun encantador papel co emblema da compañía.

Non sabemos como funcionaba o de pagar a comida (o xornalista non o conta moi ben, aínda que lamenta que lles sirvan segundo o fuso horario no que están, o que fai que ás veces pareza que pasan o día comendo), pero si como ía o das bebidas. As bebidas eran algo que había que pagar, dende o vaso de auga que un precisa ata o viño estiloso que algúns querían coa bebida. O vaso de auga saía por 4 dólares. E eses 4 dólares eran dólares de 1929. Botade contas…

5. Levaban comunicación propia

Isto é un pouco especial e foi creado porque era unha viaxe histórica chea de xornalistas, pero o Graf Zeppelin levaba a tres telegrafistas que daban servizo 24 horas e que enviaban as crónicas dos enviados especiais aos seus xornais en tempo real. Custaba, empregando linguaxe da época, un sentido. O noso xornalista francés era austero no dos telegramas, pero os americanos do grupo Hearst gastaban e gastaban (ademais, competían entre eles por ser os máis rápidos…).

6. Durmías en cuartos

Nada de estar sentada durante horas nun asento que parece deseñado polo teu peor inimigo! Os zeppelín eran como pequenos transatlánticos luxosos. Había unha sala de estar – comedor, podíanse admirar as vistas (os zeppelíns voaban moito máis baixos que os avións e ademais máis lentos, o que facía que si puideses ver sobre que voabas) e podíase durmir comodamente nunha cama. Os dormitorios eran, explica Gerville – Reache, como os dos coches cama dos trens (bos) da época. Os nosos xornalistas, quitando a Lady Hay, a única muller, compartían compartimento (en cada un había dúas camas). Ademais de dormitorios, tamén había baños (un para mulleres e outro para homes).

A tripulación, por certo, non vivía tan cómoda. As súas camas eran hamacas colgadas nas zonas menos glamurosas e menos cómodas do zeppelín.

Despois disto posiblemente vos preguntedes como é que os avións conseguiron facerse co trono da aviación comercial. Ten unha explicación e non é só a de que os zeppelíns eran moito máis lentos que os avións. O problema estaba en que eran moi perigosos, xa que eran moi inflamables. Fumar estaba completamente prohibido a bordo e un raio podía converter unha viaxe nunha traxedia. Un dos momentos máis dramáticos da volta ao mundo é cando cruzan o Pacífico e acaban no medio dunha tormenta. O outro é o despegue dende Os Ánxeles, cando o zeppelín case toca un cable de alta tensión (que tería feito explotar o aparato). A era dourada dos zeppelíns rematou nos anos 30 e rematou por mor dun accidente. O Hindenburg estoupou en 1937 canto estaba chegando a Nova York, a fin da súa viaxe. Morreu moita xente, pero ademais foi narrado en directo na radio e quedou gravado polas cámaras do cada vez máis popular cinema e foi material para todos os noticiarios cinematográficos.

Foto: un zeppelín sobre o ceo de Vigo, Vida Gallega, maio 1930

Shares

1 comentario

  • Xose di:

    Parabéns polo artigo!!!
    Recentemente estiven vendo un libro sobre aviación co meu fillo de tres anos. Ficaba abraiado co Zeppelin, non entendía coma aquela cousa rara podía voar :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *