O día no que fixen un brownie cunha receita de 1924

brownie

Spoiler alert: O brownie da foto non é o que fixen eu. Un fallo de blogueira nova no mundo foodie… Esquecín inmortalizar a miña obra.

 

Posiblemente sexa un problema xeral que ten todo o mundo e que se repite xeración tras xeración. Unha pensa que non hai xente máis moderna que a xente coma ela e que as cousas nunca foron tan á última como agora. Certo. Agora temos moitas cousas que hai cen anos nin imaxinaban (si, pensemos nos tablets, nos ordenadores e… claro… nos antibióticos) pero tamén hai moitas cousas que pensamos que son de hai como moito 20 anos e que en realidade xa existían no mundo dos nosos avós. E mesmo dos nosos bisavós. E unha desas cousas que xa existían eran os brownies, que non xurdiron por xeración espontánea cando apareceron nas cartas das sobremesas dos restaurantes cos aspiracións a ser modernos primeiro (e que os servían con xeado de vainilla e noces) e logo en todo restaurante con carta de sobremesas.

Este descubrimento eu vivino (con incrible sorpresa) lendo un xornal dos anos 20 (unha ocupación como outra calquera). Non pensedes que estaba a ler un xornal londiniense ou estadounidense (que foron quen inventaron o pastel – segundo explica a Wikipedia – alá pola fin do século XIX) senón nun de Vigo. O xornal Galicia saíu publicado entre 1922 e 1926 e era un xornal moderno, con fotos, temas en profundidade ou unhas páxinas dedicadas ás lectoras. Chamábanse Hoja femenina e eran unha sorte de versión anos 20 das revistas que hoxe aparecen como suplementos nos xornais. Como elas incluían contidos de estilos de vida, moda (con imaxes dos vestidos cool que tiñas que mercar), consellos de beleza e receitas. E no medio desas receitas publicaron o 25 de xullo de 1924 unha de brownie.

anos 20Esa é a receita que decidín facer (a pesar de que – confeso – os pasteis non son exactamente o meu), así que non só descarguei de Galiciana a páxina do xornal en cuestión (podedes vela aquí), senón que fixen o traballo de transcribir a receita para vela máis clara (aquí a tedes). Cal é o principal problema de usar xornais do pasado como guía de cociña? De entrada, está a dificultade de poder ler todo o que pon a receita. Como vedes, tiven que poñer puntos suspensivos de cando en cando porque non fun quen de comprender que era o que dicían nesas palabras.

O segundo punto non é tanto o problema dos ingredientes senón as diferencias entre a linguaxe de cociña de hoxe e a de entón. As receitas de hoxe en día están (gracias escritores de libros de cociña!!) pensadas para torpóns. As cousas están claramente indicadas. Son X gramos de non sei que ou non sei canto daquel outro. Os tempos e as temperaturas tamén están indicados dun xeito claro e preciso, non deixan nada ao misterioso ‘fogo lento’.

Pero decidín encherme de resolución e comezar a cociñar. Fun ao super a facerme cos ingredientes (e esquecín mercar a misteriosa vainilla… aínda que estivera pensando nela amplamente, porque… que entendían eles por vainilla? Azucre vainillado, vainilla en esencia, ese líquido misterioso que hai na sección de especias?) e marchei para a casa dos meus pais a cociñar. O da casa dos meus pais foi casual, aínda que teñen un forno superior e un lavavaixelas, o que sempre son elementos a favor cando vas facer algo na cociña.

Como traduces as ‘pastillas’ de chocolate de hai 90 anos á actualidade?

O proceso de mesturar os ingredientes non levou moito tempo, aínda que si espertou moitas dúbidas e cuestións. No punto un da receita xa estaba a pensar que era exactamente o que querían dicir. Se vos fixades en como explican os ingredientes que tes que usar, veredes que empregan medidas que non sempre son traducibles ao mundo actual. E cando tiña a tableta da chocolate na man tiven que tomar unha decisión baixo moita presión. Primeiro mercara un chocolate que non era, porque o do chocolate amargo non me acababa de seducir (e ademais Nestlè acaba de lanzar un chocolate de sobremesas con leite e o paquete tiña un sedutor e moi marketiniamente colocado anuncio de ¡novo! e caín). Segundo pregunteime como traduces as ‘pastillas’ de chocolate de hai 90 anos áactualidade. Lembraba de ver nun museo no que había unha tenda de ultramarinos da época que as súas onzas eran xigantescas, pero tampouco quería pasarme. Cortei tres filas de chocolate da tableta. Parecían escasas e sumei unha máis.

Logo intentei seguir a receita con certa imaxinación, porque tiña uns cantos puntos suspensivos entre medias. Fundín todo ao baño maría, porque fundir no microondas era moi pouco ‘anos20-friendly’. Cando cheguei a mesturar os seguintes ingredientes tiven que pensar tamén en como traducir medidas retro a mundo actual. Eles falan de cuncas. Unha cunca de non sei que, media de non sei canto. Pero de que cunca falan? Collía unha cunquiña desas de tamaño medio ridículo que parecen vintage? Ou quedaba cun mug do almorzo? Optei por un mug pero por un de tamaño un pouco máis discreto.

‘Ahornar’ é certamente complicado

Xa tiña todos os meus ingredientes mesturados (menos a vainilla, claro), así que tocaba meter no forno. ‘Ahornar’, como dicían na miña receita vintage. Meter no forno supuxo outro problema, porque o forno de última xeración dos meus pais parecía a anos luz dun forno dos anos 20. Obviamente eles non tiñan fornos eléctricos con aire circulante que semella facer todo en catro segundos. Mentres botaba a masa nunha bandexa (a receita pide unha de pouca profundidade, pero eu usei o que había) e esquecía o de que tivera unha “pulgada” (quedou en o que ocupe), pensaba en como adaptar o de un fogo lento aos tempos modernos. Decidín que o mellor sería deixalo en 170 grados.

Foi un erro. Ao brownie levoulle máis tempo do que dicía a receita facerse e tiven que acabar subindo a temperatura (e logo volvendo a baixala cando empezou a cheirar un pouco a queimado e eu empecei a prometerme mentalmente que nunca máis faría pasteis e moito menos con receitas do pasado). Aínda así, cando o saquei do forno (cunha certa desesperación) aínda lle faltaba por facer algún tempo e tiven que volver a metelo.

O da temperatura é un dos erros máis importantes da experiencia, pero non o único. Cando o brownie estaba feito, sentamos a miña irmá Marta e máis eu a comelo. Marta tivo o dubidoso pracer de ser o xurado deste experimento de cociña vintage. Estaba o meu brownie do pasado intragable? Non, non foi iso, senón máis ben – e as dúas estivemos de acordo nisto –  que o meu brownie, máis que brownie, parecía un biscoito (chámalle X) de noces. A miña tradución das pastillas do pasado ás onzas das tabletas do presente foi un fracaso e o meu brownie sabía a moitas cousas, pero non a chocolate. Hai que lle botar moito máis chocolate e posiblemente non se deixar levar polas estratexias malvadas en packaging e, por tanto, mercar un chocolate máis potente en sabor que o meu.

A próxima vez… farei un asado.

Imaxes jeffreyw, Galicia

Shares

2 comentarios

  • Vanesa di:

    Encántame que te aventuraras co de cociñar un brownie dos anos 20 sin pasar polos tempos actuais!!!! Hai que ter valentía!!! Eso si… un consello dunha amante reposteira… o chocolate nestle… NUNCAAA!!!!, iso non é chocolate!!!!!!!!! (E as medidas o máis probable é que sexan estandar americanas…si, ali mideno todo en tazas e culleres!!!!!!)
    Sigue probando cos doces, non te rindas!!!!! As reposteiras ó poder!!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará