Mmmm!! Este verme está delicioso!!!

insecto

Aínda que o mundo da comida pode parecer un terreo demasiado serio para deixarse arrastrar polas modas, o certo é que está máis que marcado polas tendencias. Posiblemente estea marcado polas tendencias e polas modas dende sempre e por iso o que comemos ou non vai evolucionando ao longo da historia. Non hai máis que mirar as cartas dos restaurantes ano tras ano para ir vendo como cambian os pratos que todo aspirante a foodie debe (máis ou menos) incluír na súa comanda. Así pasamos as fases redución de vinagre balsámico, a do rulo de cabra ou a (maldita sexa ela) da (noxenta) rúcula. A próxima tendencia gastronómica podería ser aínda máis discutible que o novo costume de lle poñer rúcula a todo (menos ás sobremesas). A próxima moda poderían ser os insectos.

A previsión non a atopamos nun boom de fotos en Pinterest de formigas de aspecto sabrosón nin nunha avalancha de avistamentos de avespas caramelizadas nas cartas das gastrotabernas cool da franxa atlántica. Non. A nosa fonte para esta nova tendencia alimenticia está nun firma de análise de mercado e nunha investigación completamente científica. E, iso si, antes de que entredes en pánico pensando que os vosos filetes do mañá estarán acompañados de ensaladas con ancas de escaravello deberíamos deixar claro que a tendencia é máis unha cuestión alimenticia que unha cuestión gourmet. Os insectos non van ocupar os restaurantes modernos. Vanse converter na próxima obsesión daqueles que están preocupados pola saúde e decididos a comer de forma saudable.

Segundo apuntan en Mintel, a pesar de que en Europa o de comer un insecto aínda non é unha cuestión para todos os padais, a demanda destes produtos está comezando a crecer e, sobre todo, está empezando a aparecer. A razón é que os insectos son unha moi importante fonte de proteínas, pero (ou iso é o que din os que os están a comercializar) con menos problemas en cuestión de sostibilidade que outros produtos alimentarios igualmente ricos en proteínas. E tendo en conta que os europeos lle dan bastante importancia ao tema (un 10% compra un produto se lle promete ser fonte de proteínas) existe un mercado potencialmente receptivo aos insectos.

Ademais, e a pesar de que culturalmente os europeos non son moi amigos destas aventuras gastronómicas, as millennials e sobre todo os millennials están máis dispostos que xeracións anteriores a probar cousas raras e por tanto a darlle unha oportunidade aos insectos. Segundos datos da firma de análise (vale, a mostra é británica, pero podedes facer unha proxección), o 19% dos homes de 16 a 24 anos probarían esta comida a ver que tal (tamén o farían o 16% das mulleres da mesma franxa de idade). Segundo as conclusións da firma de análise, en parte é porque así senten que están sendo aventureiros.

green kow

E, así, os insectos poderían converterse na próxima cousa, a pesar de que as normativas de alimentación da UE aínda poñen certos límites ao vender bichos para comer. Algunhas empresas xa están sen embargo probando o mercado.

Unha empresa belga, Green Kow, xa vende unha sorte de paté de verme da carne, con sabor a tomate e a cenoria, e ten previsto lanzar sabores chocolateados no futuro. O seu packaging é por certo tan amigable que che leva a pensar que se cadra os vermes non son unha tan mala idea.

Fotos Green Kow,  gratisography/Pexels

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará