9 verdades sobre a choiva que debería saber todo aquel que vive en Galicia

glass-rainy-car-rain-large

Henri acaba de inaugurar a temporada de cicloxéneses explosivas, o que toda a vida coñecemos como vendaval, temporal ou simplemente mal tempo pero que agora ten este nome tan científico e molón que fai que nos sintamos máis vivindo no fío da navalla do tempo extremo. O bo do Henri non só inaugurou a temporada, fixo recuperar medias e katiuskas e probou que o inverno non chega cando din os de Fomento (sacan con cada cambio de estación unha hora exacta) senón cando a chuvia nos bota realmente de menos, senón que ademais volveu a converter á choiva en tema de máxima audiencia en Galicia. E como reflexionar sobre o tempo é algo que nos entusiasma a iso dedicamos as horas de peche na casa nas que intentamos evitar á tormenta. De todas horas de pensamento filosófico saíron, como non, grandes conclusións altamente científicas.

1. A roupa mollada non afecta á saúde

Contádello aos Erasmus, meus pobres, que seguramente empecen a vivir na tensión de pensar que están a desenvolver algunha enfermidade decimonónica por levar sempre os baixos dos pantalóns tan mollados como se acabasen de cruzar un río. Andando polo medio, claro, pero sen o éxito de Moisés. Levar a roupa mollada non é malo. Pode que as mulleres que a mollaban no Romanticismo para parecer máis lánguidas (e para resultar máis sedutoras, que a roupa se lles pegaba ao corpo) non sempre tivesen boa saúde. Seguro que era por beber vinagre (truco de beleza para valentes – pensade no sabor – para parecer máis pálidos). A roupa mollada non pode resultar nociva. Se isto non fose así, a poboación de Galicia estaría xa extinguida.

2. Os días de sol son Día Nacional da Roupa por Lavar (DNRL)

Seguramente algún día a Xunta pensou en facelo festivo (moito mellor que a Ascensión, que a quen lle importa!), pero a verdade é que non compensa. Deberían permitir por lei o teletraballo, porque eses días nos que sae o sol e ti estás no traballo pensando en toda a roupa que poderías estar lavando non cunden realmente. Os días de sol (ou os días nos que simplemente non chove) no inverno (e no verán, na primavera e no outono) son os días nos que todo o mundo pode lavar. Seguramente as cidades cheiran a deterxente e a suavizante. Non o percibes porque xa tes o olfato educado.

3. Entras na idade adulta (e na clase favorecida galega) cando compras unha secadora

En Galicia hai dúas clases de xente. Está a clase favorecida, que son todos aqueles que teñen unha secadora. Están os pobres e desgraciados, os que choran pensando en que pronto quedarán sen roupa limpa. Eses son (somos) os malpocados que non temos secadora. A secadora é o que marca a diferencia entre a calidade de vida. Están eses que secan todo maxicamente. Estamos nós que temos un tendal encartable escondido detrás dunha porta.

4. E se non marchas da casa dos pais é porque eles teñen secadora (e como podes vivir ti sen ela??)

Non, non o fagades nunca. Nada compensa.

5. O máis importante cando alugas un piso é mirarlle as ventás

Entre unhas fiestras modernas e que un caseiro puxo con vistas e unhas que os caseiros cutres deixan de forma permanente e eterno nas ventás das casas (esas polas que podes meter un par de dedos!!) existe unha diferencia abismal. Escoitar o temporal mentres estás metido na cama pode ser aterrador ou pode ser encantador. Todo depende das ventás.

PD. Algúns membros da redacción de Disquecool posiblemente apostarían tamén por facer un estudio ben complexo da realidade e investigar para ter por seguro que non haberá filtracións de auga.

6. O 90% da produción mundial de deshumidificadores é vendida en Galicia

Se algún emprendedor decidise ser o Amancio Ortega dos deshumidificadores, teríao todo ben sinxelo. Un deshumidificador é unha peza fundamental dun fogar galego, máis importante que unha tele. Cando sales de Galicia e chegas a eses lugares nos que teñen cousas chamadas humidificadores o teu cerebro ten que facer un gran esforzo por comprender a situación.

7. A obsolescencia programada non a inventaron os fabricantes de bombillas. Foron os fabricantes de paraugas

Seguramente algunha vez oístes a historia de que nos anos 20 os fabricantes de bombillas, tras se decatar de que os seus produtos tiñan unha vida útil demasiado longa e que por tanto os consumidores non mercaban unha e outra vez os seus produtos, decidiron programalos para que morreran e crearon así o concepto de obsolescencia programada. Pensamos que é imposible que eles foran os pioneiros. Antes tivo que haber algunha secreta conferencia de produtores de paraugas, que determinou – nalgún lugar que ningún xornalista aguerrido descubriu aínda – que ningún paraugas tivese unha vida máis longa que o cruzar en dous días Romero Donallo (punto negro dos paraugas de Santiago: podedes adaptalo á vosa xeografía).

8. Falar do tempo non é unha conversación de ascensor. NON O É

Si, amigos, estou farta de tropezar nas novelas (de fóra, claro, a ninguén de aquí se lle ocorrería dicir algo así) con parágrafos nos que sinalan que os protagonistas comezan unha conversación sobre o tempo por simplemente falar dalgo. O tempo non é conversación baleira. O tempo non é cháchara para encher os minutos de viaxe no ascensor con esa velliña do terceiro. Non. O tempo en Galicia é un tema de preocupación nacional. E un tema que podería afundir e levantar gobernos. E un tema que non nos deixa durmir polas noites e que non nos deixa traballar polas mañás. O tempo non é, nunca o será, algo trivial.

9. Descubrir cando ventilar é unha arte

Que chova non é só unha cuestión que che impida saír da casa (queridos, sendo freelance e traballando no meu encantador fogar e podendo mercar todo canto quero por internet, estou pensando seriamente en facer un disquerreto e hibernar deica o próximo verán) ou secar a roupa ou estar seco ou cruzar as rúas sen poñer en perigo a vida. Non. Que chova é algo que fai que ventilar, esa cousa tan importante e crucial, sexa un elemento de dificultade máxima. Cada vez que abras unha fiestra para deixar correr o aire, a chuvia volverase algo salvaxe. É unha cuestión de causa efecto.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *