O disco da semana: The Take Off and Landing of Everything, de Elbow

elbow-the-take-off-and-landing-of-everythingO tempo mellora. Os días alónganse, as noites son máis efémeras. Pero quizais aínda chegues de currar (o de currar quen poida, claro) cando o sol xa se retirou ata mañá. Poste en disposición, o normal serían un calzado, un pantalón de chándal ou pixama e unha camiseta. Pero tendo en conta que o que hoxe farás será escoitar ‘The Take Off and Landing of Everything’ (Fiction, 2014), o sexto disco da banda liderada por Guy Garvey, o que debes facer é vestirte de gala. Colle o teu mellor traxe, o que ten o chaleco da mesma cor. Ou o teu vestido favorito, o que levaches a esa voda na que eras a máis guapa. Peitéate ben, que probablemente coas tarefas diarias non esteas precisamente presentable. Abre algunha bebida de contido alcólico máis o menos modesto (nestes casos o máis lóxico sería un bo viño, pero tampouco te cortes se o corpo che pide unha copa). Reláxate, goza do mellor momento nos últimos días. Por fin chegou. Por fin chegaron. Elbow acude ó rescate.

Ese lixeiro toque elegante e pretencioso previo á escoita de This Blue World, o primeiro corte do disco, peiteándote a barba, acariciando coa lingua o teu padal mentres o caldo aínda está na túa boca, é unha imaxe mental tan agradábel que ata dan gañas de que o fluído penetre no teu sangue. Que ‘The Take Off and Landing of Everything’ che roube a alma contando coa túa propia complicidade. Un comezo espectacular, co que é marca precisa da casa. Canción de máis de sete minutos para comezar, con múltiples trocos de orientación (ai, ese 04:27 onde mesmo en medio da noite semella que a luz vai estoupar dentro de ti), como escondendo moitos pedazos de cancións que crean un conxunto compacto e soberbio. Un agasallo. O primeiro de varios. ‘The Take Off and Landing of Everything’ consta de dez cortes, e marcha case ata a hora de duración. Isto non é novo. Non é Elbow un grupo que aposte por minutaxes especialmente radiofriendlies. Pero concretamente nos primeiros a cantidade de xoias acumuladas é tal, que nin en todo o barco do mesmo Willy el Tuerto poderían almacenarse. O arrebatador atractivo de Charge, aínda así do máis modesto deste inicio que garda agora dúas marabillas.

Os dous temas que Elbow adiantaron do disco. Porque se falamos de atracción, ou de elegancia, ou de flipar coloríns, como prefirades: Fly Boy Blue / Lunette é a solución a tódolos males descritos na medicina contemporánea. O perfecto substituto do ibuprofeno en medio da epidemia de gripe. A delicadeza de New York Morning, co seu videoclip entenrecedor segue manexando a ‘The Take Off and Landing of Everything’ no terreo da sobrada excelencia. Non se che moveu a garabata dende que sentaches a escoitalo, case porque non puideches facer outra cousa que conter a respiración, e só os segundos a cabalo con Real Life (Angel) che permiten osixenarte e lembrar que precisas iso para seguir vivo na realidade. Outra cousa é onde narices estás agora. Final arrebatador, con Garvey recitando, erixíndose en salvador do próximo. Honey Son recupera esa querencia pola austeridade escura que tantas veces quixo apertar Elbow. O certo é que creo que é do pouco prescindible de ‘The Take Off and Landing of Everything’, mesmo tendo en conta que custa recuperar o pulso dos primeiros temas.

Non se permite demasiados tropezos Elbow. My Sad Captains recupera o pulso con mestría, nunha das cancións máis sobrecolledoras do disco, das máis próximas e fráxiles. Tanto que te convida a quitar eses zapatos tan caros cos que te vestiras para a escoita, encoller as pernas buscar unha postura fetal precisa. O máis recoñeciblemente británico chega con The Take Off and Landing of Everything, dentro dunha banda que neste disco cruzou moito o charco en canto a son (Garvey trasladouse a Brooklyn, e todo se pega). Pode que este penúltimo corte non sexa o máis brillante do disco, pero seguramente dos que máis perdura na memoria, sobre todo despois dunha anódina Colour Fields. Chega o final da man de The Blanket of Night, que xoga de xeito moito máis solvente nesa liga na que antes Honey Son non prestou a calidade debida. Apágase a luz, remata a música. Busca uns minutos para sobrepoñerte e coller ese aire que antes non atopabas. E alégrate de vivir esa última hora.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *