O disco da semana: Present Tense, de Wild Beasts

wild-beasts-present-tenseUn atópase ás veces con casos atípicos. Resulta curioso que propostas tan densas como as de Wild Beasts non paren de medrar en cuanto a fans, ventas, incidencia e todo iso. ‘Present Tense’ (Domino Records, 2014) é o cuarto disco do cuarteto inglés. A cuestión é que dende que Wanderlust, primeiro single do disco que hoxe nos ocupa, se deu a coñecer, a expectación no Reino Unido acadou niveis do que xa poderiamos denominar como banda grande, a pesar de que poucos lembrarían o título dun par de cancións de Wild Beasts por aquí, a pesar de que a súa proposta non acaba de entrar nos canons da música popular, a pesar de que non exista neles ningún amago de jitazo. Non trocaron as tornas. A súa aposta, arriscada pero, á vista está, vencedora, mantense en ‘Present Tense’, que hai un par de semanas saía á venta, e que xa conta con innumerables críticas que o erguen.

‘Present Tense’ amosa de novo un conxunto de cancións de calmada intensidade, das que un non pode escoitar superficialmente. Das que esixen unha atención que, por poñelo todo no seu lugar axeitado, pode chegar a ser algo esgotadora por momentos. Ese é o risco, que tampouco é novo, que corre ‘Present Tense’. A ausencia dunha área de descanso en medio da autoestrada. Unha autoestrada asfaltada fantasticamente, deseñada con meticulosidade infinita, pero que non permite un momento de distracción ó volante. O principio pode resultar enganoso, precisamente por iso. Abrimos con Wanderlust, un single non moi ó uso, pero que (quizais por telo eu tan escoitado), resulta de dixestión moi doada. Son pesado, cargante, e a particularísima voz de Hayden Thorpe (ámaa ou ódiaa, pouca opción indiferente fica) abrindo con pretensións un álbum que promete. A proba de lume comeza despois. En Nature Boy ábrese realmente ‘Present Tense’, no troco de rexistro á gravidade de Tom Fleming, co que Hayden vai repartindo as voces como a miúdo, se ben pode ser este o disco no que Tom teña máis peso vocal.

A sobriedade chega. E para quedarse. Ese momento no que deixas o que esteas a facer ou ‘Present Tense’ escórreseche sen case darte conta. Os momentos relaxados apenas existen, a transcendencia viste ‘Present Tense’ de comezo a fin, mesmo en cortes máis pop, como Mecca. Agora ben, se se pasa a proba de lume, a de aceptar que un se vai centrar en ‘Present Tense’, a aposta pagará a pena. Aí está Sweet Spot, esa pequena xoia que Wild Beasts escolleron para continuar a senda de singles do disco, o a volta de Tom Fleming ás voces nun dos mellores cortes de ‘Present Tense’, a inquietante e escura Daughters. De novo un envite pouco común, a marca da casa feita vía de único senso, sen saída posible. E algunha revisión, non precisamente allea ao grupo, dos sons máis eighties, A Simple Beautiful Truth chegando para cubrir ‘Present Tense’ dunha precisa superficialidade (pouca, non vaia ser que nos volvamos tolos), máis preciso aínda, case inevitable, tras unha Pregnant Pause que exemplifica esa esixencia do disco, seguramente levándoa a extremos case excesivos.

E entón préndese a sempre inxusta lámpada da comparación. A Dog’s Life e The XX (e mirade que Wild Beasts son máis veteranos), colléndose da man e afastándose da nosa vista mentres atravesan o camiño de terra que se interna no bosque. Pero aquí veñen os The XX bos, non os coñazo que non queredes aceptar que existen. Temazo incontestable, inmenso. Non hai marcha atrás. Quizais nada sexa tan sublime como ese momento, pero xa mandaches á merda as túas reservas, apertas ‘Past Perfect’ como ó teu fillo, recén chegado do colexio e disposto a devorar o bocata de chourizo. Agárralo todo para que non fuxa, para que non exista posibilidade de que caia ó chan e se faga pedazos, para que ninguén poida pousar as súas sucias mans sobre New Life ou a de novo moi oitenteira Palace, tan fráxil a primera, tan ordinaria a segunda. Ata aquí ‘Present Tense’, e aquí finalizan las escusas. Si, non é un disco doado, pero poucas cosas pagarán tanto a pena hoxe.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *