Cando era pequena, marcaba o comezo da fin do verán co meu aniversario (o 20 de xullo). Despois chegaba agosto e, marchase de viaxe ou non cos meus pais, xa todo ía moi rápido, demasiado rápido, ata chegar de súpeto a setembro. Agora que o concepto vacacións é ben distinto ao de cando eramos nenos (en canto a duración, polo menos), sigo sentindo igual esa marca, e afronto agosto xa cunha pouca melancolía. En xullo, despois de todo, houbo días de sol e praia como na infancia, houbo tardes de lectura, xogamos coa colchoneta no mar, fixemos manualidades e ceamos fóra. De todo isto falamos e todo isto quixestes ler. Estes son os posts máis lidos de xullo.
5. Crepería Saint-Jaques, nova incorporación á lista da Compostela exótica. Como ansiamos ter un pouco de exotismo nas nosas vidas, especialmente se non imos marchar de viaxe. Aínda que o exotismo sexan tan só unhas crepes coma as da nova crepería que vén de abrir en Compostela. Todos temos ganas de cousas novas. Ou, polo menos, de sentir que estamos en lugares como Bélxica ou Francia.
4. 5 ideas DIY para decorar a túa habitación. Agora que temos tempo (vacacións, paro…) decidimos facer todas esas cousas que sempre dicimos que queremos facer. Como, por exemplo, lanzarse a darlle unha nova imaxe ao noso cuarto. E como as manualidades de sempre, o DIY de agora, está tan de moda… por que non facer esa decoración nós mesmos?
3. 10 libros para levar á praia. Por fin, tras un dos peores invernos que lembramos moitos (por chuvioso, por frío, por longo), chegou o verán que merecíamos, e estamos indo á praia moito máis que nos últimos anos. Para esas longas tardes de baños, tostarnos ao sol e xogar ás palas necesitamos tamén algo de lectura. Unha revista e algún libro de temática estival e o suficientemente lixeiro como para ser quen de ler con tantas distraccións ao noso redor.
2. A colchoneta máis cool do mundo é galega. Non o decimos nós, non (que tamén), é a web Thecoolhunter, referencia nisto das tendencias, a que escolleu a colchoneta de praia Chat do estudo santiagués Imaisde como o máis alto da “coolidade” mundial no que a colchonetas se refire. Nós estamos plenamente dacordo.
1. Volven os 90: 9 probas gráficas para deprimirnos. Non sabemos a que se debe o éxito deste artigo, se ao morbo que provoca o terror ou a que, no fondo, todos botamos en falta a moda coa que crecemos (ademais das series). Ninguén se atrevía a confesalo, pero no fondo queríamos volver a levar cores flúor, roupa desteñida e prendas vaqueiras. Ou non?
PLUS. Glamping: a evolución do camping cara o glamour. Gustouvos a idea, verdade? A todos os que amades estar en contacto coa natureza como concepto, pero despois botades en falta as comodidades da vida moderna. A todos os que descubristes que xa non tendes idade para durmir sobre superficies duras. A todos os que xa non aguantades as zonas de acampada dos festivais. Ai, a idade. Menos mal que temos ideas coma esta.