A colchoneta máis cool do mundo é galega

ImaisdeChatColchonetas

As colchonetas son o produto estrela de praias e piscinas, e este verán un modelo made in Galicia sucará as augas máis cool. Chámase Chat e é obra do estudo galego Imaisde. A recoñecida web de tendencias a nivel mundial Thecoolhunter  acaba de escoller o deseño deste produto como o máis cool de todo o mundo nun concurso internacional de colchonetas de praia lanzado a través da súa páxina web.

Chat é unha colección de 3 unidades que se vende de forma indivisible. Cada peza ten unha cor e funcionalidade distinta. Máis alá do seu atractivo e fresco deseño, a principal innovación deste conxunto de colchonetas é que cada unha ten 6 enganches que permiten conectar unhas coas outras. Deste xeito, un grupo de amigos pode gozar da praia ou a piscina en compañía, e ao mesmo tempo cada un deles desenvolver actividades diferentes como falar, tomar o sol, ler un libro ou chapotear, grazas ás diferentes funcionalidades que permite o seu deseño.

ImaisdeChatColchonetas2

Thecoolhunter subliñou á hora de decantarse por esta creación galega que Chat é “unha obra mestra en minimalismo e funcionalidade”, valorando o práctico da súa flexibilidade, ao permitir diferentes combinacións, así como as frescas cores que utiliza en cada unha das pezas, que ata teñen nome: Christina, Henry e Athina.

Para celebrar este premio, os responsables de Imaisde acaban de lanzar unha venda limitada en unidades e tempo deste produto. Así, comercializarán 3.000 packs ata o próximo 5 de agosto, que pode adquirirse na súa tenda online. Pablo Crespo, Creative Engineer de Imaisde, explica que “agora mesmo as colchonetas son uns prototipos feitos en Galicia e necesitamos 1.000 para levar a cabo a produción”.

Nas fotografías que ilustran este texto podedes ver como as colchonetas máis cool do mundo posan felices na praia de Santa Comba, en Esmelle, durante o único día de bo tempo de xuño, ignorantes do seu exitoso destino en mares e piscinas de todo o mundo.

Fotografías|Imaisde

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *