O renacer creativo dos códigos QR: 7 exemplos

Es das persoas que en canto ven un código QR desenfundan os seus móbiles ou nunca te molestaches sequera en descargar a aplicación que os le? Se te atopas no primeiro grupo os exemplos que che presentamos produciranche taquicardias de emoción, se estás no segundo esta vez non poderás reprimir a curiosidade e preguntarás á persoa máis próxima como diantres se le esa especie de código de barras que ultimamente está en todas partes.

Un “código de resposta rápida” ou QR é un sistema de almacenaxe de información a través dunha matriz de puntos ou código de barras bidimensional. Caracterízase por contar con tres cadradiños nas esquinas que permiten detectar a posición do código ao lector. Aínda que non o creas, foron inventados en 1994. A compañía Denso Wave, subsidiaria de Toyota, utilizaba este sistema para rexistrar repostos na área de fabricación de vehículos. Desde hai uns anos, e grazas á introdución nos teléfonos móbiles de software capaz de ler estes códigos, os QR esténdense a novos eidos como o consumo, a publicidade, o turismo, e mesmo a arte.

A primeira vista pode parecer unha tecnoloxía “aburrida”, unha especie de códigos de barras evolucionados que nos levan a unha páxina web, pero xa son moitas as experiencias que apuntan a un renacer creativo dos códigos QR, tanto na súa estética como na súa concepción. Podemos modificar os códigos ata nun 30% sen afectar á súa lexibilidade por parte dos dispositivos, o cal favorece a creación de campañas máis creativas e atractivas para os usuarios.

1. Mercar desde o Metro. O caso Tesco.
O supermercado Tesco logrou gañar cota de mercado en Corea do Sur sen abrir novas tendas aumentando as súas vendas online un 130% grazas aos códigos QR. Como o fixo? As paredes do metro convértense en andeis de supermercado coa instalación de papel impreso con distintos produtos, acompañados dun código que ao escanealo permite realizar a compra a través do móbil e recibir as adquisicións na casa. Os coreanos traballan moito, así que acolleron moi ben esta iniciativa que lles permite aproveitar ao máximo as esperas no transporte público.

2. Códigos QR adaptados á marca.
Os códigos QR non teñen por que ser aburridos. Temos marxe para dotalos de cor, adaptalos á nosa marca e incluso introducir ilustracións no medio sen que perda a súa función. Así o fixeron por exemplo a Cruz Vermella de Xapón coa campaña Help Japan Now, e Louis Vuitton nun deseño inspirado por Takeshi Murakami.

3. En tres dimensións.
A tenda de xoguetes MyToys lanzou unha campaña para incrementar a venda de pezas Lego na súa web. O gancho, códigos QR elaborados con pezas de Lego que dirixían a produtos da marca. O 49% dos visitantes do site de Lego da tenda procederon da campaña, e os produtos anunciados acadaron o dobre de vendas que os non publicitados.

4. Feitos a man.
The Curiosity Project é un traballo de dúas recén licenciadas no eido do deseño e a comunicación que tende pontes entre o dixital e o impreso. Para iso crean unha serie de códigos QR feitos a man que fotografan e transforman en pósters que colgan pola cidade de Nova York. Cada código conduce a un link do seu blog no que colgan vídeos, fotografías ou cancións. Para elaborar estes códigos DIY utilizan obxectos como post-its, imáns ou caramelos.

The Curiosity Project - QR con Post-it

5. Tarxetas de felicitación musicais.
Lembras cando regalabas a algún amigo ou amiga eses casetes recompilatorios co teu remix particular de cancións? Agora podes facer algo similar grazas a axencia Stupid e a Spotify. A persoa agasallada recibe unha postal decorada cun QR creativo, que dirixe a unha lista de cancións na aplicación musical.

6. Un museo moi vivo.
Outra interesante aplicación desta tecnoloxía é o seu uso en museos e espazos expositivos. O Museo Sukiennice, en Polonia, utiliza os QR para revelar os segredos agochados detrás das pinturas e atraer a un público mozo ás súas salas. Ao ler os códigos os usuarios acceden a uns vídeos nos que as pinturas que teñen diante de si cobran vida e contan historias de intriga, engano, loucura e guerra.

7. Camisetas QR.
Santiago QR é o nome dunha liña de camisetas que a marca galega Tolotola vén de lanzar. Ten estampados 4 códigos: Eat, Sleep, Party e Shop, que redirixen a un listado de establecementos da cidade relacionados con esas temáticas.

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *