Non hai que ir moi lonxe para buscar unha desas apostas sorprendentes que empregan como base os códigos QR. Renova, a marca de papel portuguesa, está a facer unha campaña moi orixinal de venta de papel hixiénico premium nos metros de Porto e de Lisboa. O lema é o de non perder o tempo mentres se espera na plataforma (e no metro de Porto pódese agardar bastante). Os códigos QR e un smartphone eliminarán eses tempos mortos.
Renova é unha empresa realmente innovadora, que participa e organiza cousas bastante sorprendentes. Por exemplo, o WC do MUDE, o Museo do Deseño e da Moda de Lisboa, tiña (non podo confirmar que sexa permanente) unha instalación de papeis de colores moi fascinante. Tamén en Lisboa, Renova está a organizar agora The Sexiest WC on Earth, unha sorprendente atracción no centro da cidade. No Terreiro do Paço, montaron un baño de altísima calidade, no que che recibe un corredor con perfumes e música inspiradora, unha arquitectura de interiores sedutora e unha variedade de 300 rolos de papel hixiénico para escoller o que máis che entusiasme. Non só se pode ir ao baño, tamén se pode mercar papel de calidade na tenda da instalación. Paga a pena ir a Lisboa por ir ao baño ao parecer máis sexy do mundo? A verdade é que ten unha pinta bastante atraínte e moito potencial para ser unha opción de turismo exótico.
E se non sempre quedarán os códigos QR. Porto foi a primeira cidade na que Renova cubriu as paredes da plataforma cun panel de venta de papel vía smartphone. Uns días despois uniuse Lisboa (na estación de Trindade en Porto e Marqués de Pombal en Lisboa). Os paneis presentan diversos tipos de papel e presentacións (aínda que case todas con un toque premium). Varios códigos QR repartidos pola instalación remiten ao viaxeiro á tenda online da marca portuguesa, para que poda confirmar o proceso de compra. En poucas horas terá na súa casa o papel pedido.
Apetece mercar papel mentres se agarda polo metro? Nesta tenda QR só se pode mercar papel do baño. En Trindade, en Porto, ninguén parecía moi interesado en facerse cuns rolos mentres o metro non chegaba, un venres pola tarde no que fóra poallaba (razón de máis para non saír a mercar).
Resulte como resulte en volume de facturación o que si é certo é que a idea é ben innovadora e que o papel hixiénico non se ten porque quedar no mundo aburrido e discreto da zona de droguería dos supermercados.
Fotos | Renova
a estação do metro do Porto é Trindade, sobra um i
Efectivamente! Cambiado :) Grazas polo aviso!