A xenial idea de marketing que exiliou a Pitbull en Alaska

Pitbull Pitbull é un dos homes que fixo que tusabes se convertera nunha única palabra que ninguén é capaz xa de dicir sen acento reggaetonero. Por ese e por outros pecados é tamén un home con moitos inimigos espallados polo mundo mundial. Tanto que fixeron que unha campaña de publicidade 2.0 da cadea de supermercados Walmart se volvese global. E que medio planeta conspirase para mandar ao exilio ao cantante: Pitbull foi condenado pola masa a partir a Alaska.

A historia comeza así. Walmart lanzou unha campaña en redes sociais. A páxina local dos seus establecementos que tivese máis gústame sería a agraciada que, grazas á compañía e aos fabricantes dunhas tiras con sabor a menta, recibiría unha visita do cantante. Pero como sempre que se lanzan estas promocións en redes sociais pode ocorrer o inesperado… como que os antifáns do protagonista se volvan na súa contra. Adiviñades que pasou? David Thorpe (aquí o seu LinkedIn) é un xornalista que a comezos do verán se atopou coa clásica avalancha de notas de prensa absurdas. E decidiu facer algo. Algunha xente recibe a nota de prensa do tablet para nenos de nome absurdo dunha cadea de xogueterías e coméntaa sen máis cos compañeiros. Pero xente que ten a coraxe que hai que ter, como Thorpe, toma cartas no asunto. Glosou as máis WTF campañas (como unha de Purina que une a uns cantantes galardoados co Grammy e aos cans) e elixiu a de Pitbull e WalMart como a peor de todas.

“Estou encantando con ir á tenda local Walmart que teña máis gústames para que poida compartir a experiencia de usar Energy Sheets cos meus fans”, dicía na nota de prensa que presentaba a iniciativa Pitbull. A clásica declaración que os departamentos de relacións públicas sempre inventan (Thorpe chamou á axencia de comunicación que lle garantiu que esas eran as declaracións de Pitbull) foi o  límite do que o xornalista podía soportar e fixo unha chamada no seu artigo. Por que non votar todos en masa – gústame mediante – polo Walmart de Kodiak Island? Kodiak Island é un lugar afastado en Alaska, de pouco máis de 6.000 habitantes e o Walmart máis deixado, como diría unha avoíña, da man de Deus. O artigo de Thorpe fíxose viral, como non podía ser menos, e os medios tech de Estados Unidos recolleron en masa a idea. Hoxe as estadísticas da páxina de fans de Walmart Kodiak Island mostra unha estadísticas envidiables a 68.460 gústalles e 11.035 “están a falar disto”.

Walmart tomouno con filosofía e Pitbull tamén. O community manager da páxina en Facebook deulle as grazas a toda a xente que comezou a apuntarse en masa e animar as incorporacións para que finalmente o cantante latino fose a Alaska. Unha portavoz de Walmart confirmou que Pitbull iría alá onde os fans o mandasen… Alaska incluída.

Pitbull confirmou nun vídeo que Alaska era a gañadora e lanzou un guante ao xornalista. Debería ir con el para confirmar que realmente estaba encantado de ir. Thorpe acepta o viaxe (aínda que en Twitter deixou claro que o vídeo era un pouco ameazante e que non pensaba que fose a volver vivo da aventura: no seu xornal xa o están despedindo) e xuntos irán ao supermercado de Walmart máis no fin do mundo. 

Este artigo foi escrito escoitando de fondo os últimos éxitos de Pitbull, para meterse en situación 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *