Os puzzles molan e xa teñen o seu campionato en Galicia

Pode que esteas a abrir moito os teus ollos e preguntarte se non estamos rozando o perigoso límite que separa as tendencias do frikismo máis puro e duro, ao que o único que podemos contestar é que hai xa un tempo que o frikismo é tendencia. Unha vez deixado isto claro, podemos continuar explicando dúas cousas: en primeiro lugar, contando por que os puzzles (crebacabezas na súa acepción correcta) molan; e en segundo lugar, animándote a acudir á primeira edición do Campionato Galego de Puzzles que terá lugar mañá en Vigo.

1. Por que os puzzles son cool. En que pensas cando escoitas a palabra “puzzle“? É moi posible que sexa algo que te lembre á túa infancia, quizais foses dos fans ou quizais dos que nunca tiveron paciencia para facelos. Hoxe o que non temos é tempo, certo é. Pero que saibas que a versión dos puzzles que temos agora mesmo non é nada comparado co que eran nos seus comezos: a principios do século XX, cando se puxeron de moda entre a alta sociedade, os chamados “puzzles artísticos para adultos” non tiñan unha imaxe de guía. É dicir, non sabías que era o que estabas a montar ata que o rematabas, o que facía que fose parte do reto e do pracer ir descubrindo pouco a pouco que agochaban todas esas pezas espalladas sobre a mesa. Xa sabemos, claro, que a xente da alta sociedade tiña moito tempo libre…

A outra historia bonita relacionada cos puzzles é a que conta como naceron os “crebacabezas modernos”: por casualidade. O responsable foi un señor de Londres chamado John Splisbury, de profesión “creador de mapas”, en 1762: colleu un mapa e pegouno sobre unha folla de madeira dura e foi recortando os distintos países. A fin era, por suposto, puramente educativa e era utilizada para que os nenos aprendesen xeografía. Non foi ata un século máis tarde cando empezaron a ser fabricados en serie e saltaron ao mundo do ocio.

2. O Campionato Galego de Puzzles. Efectivamente, sabendo todo isto que sabemos agora, sabendo que os crebacabezas son algo fantástico, era necesario que alguén tomase a iniciativa de crear o primeiro Campionato Galego de Puzzles. E xa aconteceu! O evento terá lugar mañá día 12 de novembro ás 19  horas, no Café Milenium en Vigo, e propón o seguinte reto: facer (en equipos de dous) un puzzle de 500 pezas no menor tempo posible. E si, hai premio: os gañadores levarán 60 euros, diploma e un bono por catro consumicións gratuítas. Ademais, claro, do orgullo de poder dicir que es o campión (ou campiona) galego de puzzles.

*Máis información sobre premios (porque hai máis) e inscrición na web dos organizadores, Puzzletron.org.

Shares

1 comentario

  • Diego di:

    Me gustó mucho tu artículo Ana!
    El concurso fue un éxito. Se cubrieron las 60 plazas (30 parejas) y la noticia salió en La Voz de Galícia y invitaron a las subcampeonas a la TVG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *