Catro cómics sobre o conflito árabe israelita

O conflito árabe-israelita está sempre de actualidade, consigue mobilizarnos unha e outra vez. A pesar de que hai guerras que deixaron máis mortos, o seu carácter irresoluble e o seu poder simbólico fan deste problema algo do que si se fala nos xornais. Nós, coma persoas interesadas polo mundo, temos claros os datos substanciais: cal é a orixe do problema, quen son os bos, quen son os malos, por que non se pode resolver… E aínda que é mais do que podemos dicir da maioría dos conflitos, non é suficiente.

Nos vos propoño que vos lancedes aos cómics en busca de profundos análises internacionais, pero o bo que aportan é a súa parcialidade. Non tratan de explicarche todo o conflito, cóntanche pedaciños verosímiles de mundo, que chegan a ti de maneira fácil e directa. Ao mesmo tempo ofrecen, en moitos casos, contidos que son produto dun profundo estudio da situación.

Hai ao menos catro cómics sobre o tema que resultan moi interesantes, aínda que a diferencia entre eles é abismal: está ‘Palestina. En la franja de Gaza’ e alá abaixo todos os demais.

1. ‘Palestina. En la franja de Gaza’ de Joe Sacco (Planeta de Agostini, 2007)

E o que destaca é o de Joe Sacco, que é tamén o mais antigo. Céntrase  na primeira Intifada contra a ocupación israelita, e o crea tras pasar uns meses en Palestina en 1991.

Alí, dedícase unicamente a vagar e a falar coa xente e iso é o que nos conta.  Cun debuxo moi expresivo e cun punto grotesco, un humor irónico -basicamente sobre si mesmo, un xornalista en busca de carnaza, pero tamén sobre os sensentidos que teñen que vivir os palestinos – va desgreñando unha crónica ilustrada, baseada en conversas, en informacións difíciles de contrastar e en outros datos publicados por fontes fiables, facendo un retrato vívido e honesto do que se está a vivir en Gaza.

Trátase dun cómic denso, xornalístico, e por momentos insoportablemente duro. A pesares de que Sacco nunca se recrea no sufrimento,  e destaca a vitalidade e a dignidade dos retratados, capta a perfección a atmosfera de frustración e mesmo depresión que se vive en Palestina.

Sacco tamén publicou no 2010 ‘Notas al pie de Gaza’ , na que fala do que aconteceu en Rafah en 1956 (basicamente, unha matanza) e que resulta asimesmo moi recomendable.

‘Palestina. En la franja de Gaza” pronto estará dispoñible en galego na editorial Rinoceronte.

2. ‘Una judía americana perdida en Israel’, de Sarah Gliden (Norma Editorial, 2011)

Saíu este ano e trátase dun cómic moi diferente do de Sacco, pero tamén interesante. Moito máis lixeiro, aos palestinos nin os vemos, pero a sombra do conflito está sempre pululando durante o viaxe que Sarah fai a Israel. É autobiográfico, cun debuxo naif nárranos a viaxe que fai co programa “Dereito de nacemento” (que ofrece a todos os xudeus do mundo unha visita gratis). Ela é de orixe xudeu, non relixiosa, e defende a causa palestina. Formúlase a viaxe como unha maneira de coñecer por si mesma o que está a acontecer, iso do que tantas veces fala.

Durante o transcurso da viaxe, que se nos presenta estruturada a modo de road trip, a realidade impónselle como algo moito máis complexo do que cría e do que trata de defenderse. Aínda que segue a pensar o mesmo (que a actuación de Israel é intolerable) móstranos os matices dunha situación na que é practicamente imposible atopar información non nesgada (especialmente se é de primeira man).

3. ‘Saltar el muro’ de Maximilien Le Roy (001 Ediciones, 2011)

Cóntanos a historia de Mahmoud Abu Sour, un mozo palestino que o autor coñeceu nunha viaxe a Palestina. En primeira persoa, e a través dun debuxo fino e delicado, Mahmoud presenta trociños da súa vida, ofrecéndonos un fresco do que é vivir en Cisxordania para un mozo que ten a mesma idade do autor, pero unha vida completamente diferente. A frustración que lle produce a construción do muro, os prexuízos , a expropiación de terreos…, so a pode combater coa súa imaxinación.

Para o meu gusto Le Roy mastíganos demasiado as conclusións, o que se pode entender pola súa indignación, pero que acaba restando forza o relato.

4. ‘Café Budapest’, de Alfonso Zapico (Astiberri, 2008)

Nada que ver con ningún dos anteriores, aquí todo é ficción salvo o contexto: Xerusalén no ano 1948. O protagonista é un violinista novo, xudeu, que chega a Palestina e comeza a traballar no café do seu tío, un local pintoresco onde conviven en harmonía xudeus, árabes e cristiáns. Pouco despois da súa chegada, os ingleses abandonan Palestina e xorde o caos.

A historia persoal do violinista resulta bastante inxenua ( ao que quizáis contribúa o debuxo, moi belga) pero ao mesmo tempo está ben construída e engancha. O dramatismo emerxe do punto de conexión do cómic coa realidade. Supón unha maneira áxil de comprender grosso modo os acontecementos que deron lugar a creación do Estado de Israel é, polo tanto, un cómic útil á hora de aprender sobre o conflito.

 

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *