“Como vou querer volver alá” exclama mentres abre os brazos cara a fiestra. Certamente, desde o salón da casa de Tuula Marjatta Ahola Rissanen, parece moi difícil poder atopar un lugar mellor onde vivir. A ría de Vigo expándese diante dos nosos ollos, rodeada de verdor. Calquera estaría de acordo en que vive nun enclave privilexiado.
Ela é finesa, autora da tradución ao galego e ao castelán da novela ‘Purga’, de Sofi Oknasen (en galego en Rinoceronte, e en castelán en Salamandra), e leva xa máis anos acá dos que pasou en Finlandia. Chegou a San Adrián de Cobres (coma quen chega ao terceiro mundo) a mediados dos anos 70, e por suposto, por amor.
Disquecool inaugura a sección “Un café con…” falando con Tuula sobre as súas experiencias desde que chegou a Galicia, a modo de Destino:España. Acolledora e moi sorrinte, foi desgreñando as súas respostas cun acento galego perfecto.
Como chegaches a Galicia?
Eu en Finlandia estudei dereito, licencieime na universidade de Helsinki no ano 1972, pero xa coñecera ao meu marido uns anos antes e claro, eu vía que a el non lle gustaba Finlandia…
Por que non?
Porque é moi distinto, non hai esta alegría de vida que hai aquí, cómese moi mal e bueno, é do traballo a casa, da casa o traballo… que despois teñen soldos mais altos e teñen todas as comodidades, pero a vida é máis dura. Entón eu decidinme a vir aquí.
Como coñeciches ao teu marido?
El traballaba alá de músico, eu fun ao baile… e xa está!
Custou tomar esa decisión?
Non tanto…non. Pero despois tiven bastantes remordementos.
Por deixar Finlandia?
Porque eu deixara toda a miña carreira. Eu xa traballara ano e medio de avogado, e ao chegar aquí non podía facer nada, non sabia nin castelán nin galego, non entendía nada. Non podía falar, parecíame que era manca ou algo. Non puiden aproveitar os meus estudos, intentei convalidalos pero convalidábanme só tres materias, e dábame coraxe de estudar de novo a carreira enteira…
E conseguiches traballo aquí?
Non, aquí non traballei. Estaba na casa cos rapaces. Despois si, montei unha tenda de roupa, aquí abaixo, pero era aburrido, tamén. Todo o día aí metida… e despois pensei, bueno, agora como teño esta mercancía vou ver se a liquido nas feiras, pero sigo estando nas feiras… gustoume.
Como foi chegar a San Adrián de Cobres nos años 70?
De verdade, aquí era terceiromundista. Viviamos alá na casa do meu sogro, nin televisión… nin teléfono había, só un en toda a aldea, que estaba na tenda. Todo estaba sucio, a xente botaba o lixo ao mar, todo o que non podía aproveitar para os animais… E o peor de todo era que ía moitísimo frío. E eu veño duna zona onde as veces as temperaturas baixan a 30 ou 40 grados baixo cero, pero nas casas temos entre 23 e 25 grados, e eu non concibía unha casa sen calefacción, e aquí non había.
E como o levaron teus pais?
Ti imaxina que tes unha filla, que ten unha carreira universitaria, e que se casa cun marroquí… pois o mesmo. Pero bueno, aínda que sempre nos levamos ben, un desgusto si levaron. E daquela chamabas de vez en cando porque era carísimo. Viaxar era carísimo tamén.
E cando comezou a gustarche isto de vivir aquí?
Home …a min gustábame desde o principio, vivir aquí (sinala á fiestra) xa me dirás, é o paraíso. E tampouco pensei nunca en volver…non vin coa idea de probar, pero claro, as veces era duro.
Como aprendiches o castelán?
A min todo o mundo me falaba castelán, normal, era estranxeira. Nun par de anos xa aprendín castelán, o malo era que o meu marido falaba finés e cos meus fillos igual.
E o galego?
Eu empeceino a entender de oílo á xente, máis ou menos. E despois, haberá uns 15 anos empecei a sentir que tiña que falar galego, porque non o falaba, tiña todo na cabeza, pero estaba desordenado, e ata o meu fillo dicía: “mama, non fales galego que é ridículo”. Cando descubrín os cursos de iniciación e perfeccionamento de galego da Xunta, fíxenos, foi o único que estudei… E acórdome a primeira noite que fun o curso, cando cheguei a casa estaban os meus rapaces e o meu home a ver a tele, e dixen: “boas tardes”, e botáronse a rir. E moita xente ría ao principio, porque claro, tiñan o chip de que eu era estranxeira.
Agora usas o galego habitualmente.
Agora castelán xa non uso. A ver, eu cometo moitísimos erros, tampouco pretendo falar un galego perfecto, máis ou menos o que lle escoitas a xente…
E incluso fuches nas listas do BNG, un partido nacionalista. Sénteste xa 100% galega.
Si, fai dúas lexislaturas. Eu síntome galega, galega. Foi pouquiño a pouco, claro, vives aquí tantos anos…. Entón se eu vivo en Galicia, por que non falar galego, non é o máis lóxico?
Si, pero moitos estranxeiros non dan ese salto.
Non dan, non. Pero porque tampouco o dan moitos que non son estranxeiros, xente que é de aquí.
Incluso traduces ao galego, non si?
Empecei a traducir porque o meu fillo, o menor, Tomás, ten unha editora en Santiago, Urco editora. E eles traducen do inglés ao galego, e Moisés (Barcia, de Rinoceronte Editora) ten publicados dous libros antes en finés, e agora, esta tradución de Purga ao castelán ofrecéronlla a Tomás, pero el non tiña tempo, a parte da editora ten a imprenta, e díxome: “mama, porque non o fas ti?” Eu nunca traducira nada, e despois fixémolo, fíxena eu, e corrixiuma el e tamén o meu home. E o principio, o castelán foi difícil. Despois xa fixen dúas traducions para meu fillo do inglés ao galego, e agora esta de Moisés.
E como foi a experiencia traducindo ‘Purga’?
Foi difícil, porque o finés é un idioma bastante feo, con moitas consoantes dobres e tal, pero é moi rico, é unha lingua moi expresiva, hai unha chea de verbos expresivos que non existe nin en castelán… en galego aínda hai algo, pero en castelán non, tes que pór: “isto hai que facelo de esta maneira…” e en finés tes tropecentos verbos para expresar xa o modo.
Pero ao mesmo tempo foi gratificante, ademais gustoume moito máis a tradución ao galego. Porque a historia trata dunha señora maior que vive nunha aldea perdida, e claro, ten moitas similitudes o que acontece alá co que podía acontecer en Galicia, e entón a ela quédanlle mellor as palabras en galego que en castelán, é mais autentico.
Volvendo a túa experiencia como finesa en Galicia, que foi o que máis che chamou a atención de aquí?
O frío foi o peor, e despois o que me chamou moitísimo a atención era que ás mulleres levaban uns trastos,unhas cargas enormes na cabeza como en África ou nalgún país así, e outra cousa, que tratábase moi mal os cans. Había moitísimos cans rueiros que a xente
botaba, agora aínda o fan, pero daquela estaba todo cheo, e eu alimentábaos e claro, despois ían todos tras de min.
E algo positivo?
O que máis me gustou a comida, e a xente, que é moi amable.
Atopas diferencias entre os fineses e os galegos?
Si, hai. Hai moitas cousas, aquí por exemplo vas nun ascensor e dis bos dias, boas tardes, bueno, polo menos antes se dicía, non sei se agora…
Si, creo que aínda se di.
Pois alá non, alá non dis nada. Vas igual cunha persoa dende o primeiro ata o oitavo piso e estás a mirar para outro lado…E bueno, aquí a xente sae máis e disfruta máis da vida que alí, alá disfrutan despois , cando veñen aquí de vacacións
Non das unha imaxe moi boa de vivir en Finlandia…
Non, é que de verdade que non viviría máis alá… É unha vida moi ordenada, moi marabillosa, todo está ben, todo funciona, se din que o autobús sae ás 12 e 3 minutos, sae ás 12 e 3 minutos, todo moi puntual, pero é coma unha liberdade vixiada, poderíamos dicir. Porque tes que ir polo teu camiño, polo camiño marcado, non podes ir a un lado ou ao outro, todo está regulado 100%, ata lin o outro día que está regulado cando podes lavar o teu coche na quinta da túa casa!
E xa tiñas esa impresión antes de vir aquí?
Si, tíñaa. E claro alá tamén e bastante decepcionante, que tes que pagar moitos impostos, os soldos son altos, pero por exemplo se tes un soldo bastante bo e estás solteira tes que pagar case a metade.
Cal é a túa relación agora con Finlandia?
Sigo as noticias, teño amigas alá, a familia… síntome un pouquiño finlandesa tamén loxicamente, pero xa levo mais aquí que alá… 36 anos.
1 comentario