Preto de 90 homes, mulleres, e incluso nenos ataviados á última moda vitoriana paseaban o sábado polas rúas de Compostela. Pero non se trataba unicamente de sombreiros de copa ou corsés, senón tamén de gafas de aviador, mochilas propulsoras, reloxos e todo tipo de inventos mecánicos e a vapor. Damas e cabaleiros, aventureiros, científicos e cazadores de monstros percorreron a cidade intentando adiviñar que tería pasado se Xulio Verne tivese visitado Santiago de Compostela, que tería pasado se o mundo seguise polo camiño das engrenaxes e o vapor, se o cobre, o coiro e o aceiro seguisen reinando sobre o plástico e o silicio.
A explicación de todo isto temos que buscala na iniciativa ‘2011, L’Extraordinaire Uchronie’, o evento steampunk, neovitoriano e retrofuturista (e a toda máquina!) que xa che avanzamos hai uns días e que este sábado sorprendeu a veciños e visitantes de Compostela.
A iniciativa partiu de ‘Sentinel Wardrobre’ (‘O armario do sentinela’), un “pequeno grupo de tolos” que o ano pasado tamén estivo detrás da Imperial Stormtroopers, e que está integrado por Iñaki Quenerapú, Jorge del Oro, Fátima García Doval e Rubén Yoel. O seu obxectivo, segundo explica Quenerapú, é “apostar por eventos divertidos e diferentes”, así como “poñer a Galicia no circuíto” deste tipo de movementos e tendencias culturais emerxentes.
Iñaki explica que en cidades como Londres son normais estas xuntanzas, e que en todo o mundo se celebran convencións steampunk. Porén, en Galicia, segundo afirma, “unha quedada era un pouco forte, un pouco frío”. Así, resultaba preciso proporcionarlle un envoltorio histórico: “Verne constituíu a escusa para xustificar por que hoxe, por que aquí”. Un contexto histórico “inventado, pero non de todo improbable”.
Deste xeito, desde ‘Sentinel Wardrobe’ explican que Xulio Verne visitou Galicia en dúas ocasións, a primeira en 1878, cando atracou en Vigo o seu iate ‘Saint Michel II’ para unha breve visita de apenas un día, sendo recibido por todo o alto por personalidades da cidade. Aínda que non consta, os organizadores do evento cren que nesa ocasión Verne puido coñecer a Antonio Sanjurjo Badía e a Eugenio Monterio Ríos. Ao primeiro porque se sabe que Verne e el trabaron certa amizade, a Montero Ríos porque naquel tempo reunirse con el era case obrigado para todo home destacado que visitase Galicia.
Xulio Verne volveu a Galicia en 1884. Nesta ocasión realizou unha parada técnica en Vigo para reparar o seu iate, avariado en plena travesía. A súa reparación durou case unha semana, e o máis interesante para Iñaki é que nesta ocasión “non está documentado” se Verne pasou eses días esperando en Vigo ou fixo turismo. Os compoñentes de ‘Sentinel Wardrobe’ opinan que si fixo turismo, e ademais a Santiago de Compostela, por diferentes motivos:
1. Xulio Verne viviu en Amiens, unha cidade etapa do Pelgrimspad, camiño de peregrinos que nace en Holanda, polo que debía de coñecer o Camiño de Santiago.
2. Eugenio Montero Ríos, natural de Santiago e con dominio do francés puido ter organizado para Verne algunha visita guiada a Compostela.
3. O escritor sentía fascinación pola cegueira e o seu mundo, e naquel tempo Montero Ríos tiña en Santiago de Compostela un amigo persoal con moitas afinidades con Verne: Manuel López Navalón, director do Colexio Rexional de Xordomudos e Cegos, e recoñecido inventor de numerosos aparellos para mellorar a didáctica para os alumnos cegos.
4. Outro curioso detalle é que en 1900 imprimiuse na imprenta ‘El Porvenir’ de Santiago a primeira edición en castelán da novela de Xulio Verne ‘El Soberbio Orinoco’, mentres que as súas anteriores novelas traducidas ao castelán se imprimiran sempre en Madrid ou Barcelona.
5. En 1900 Verne escribe un relato curto titulado ‘2011, L’Extraordinaire Ville des Étoiles’, un texto no que imaxinaba a cidade de Santiago 111 anos no futuro. Segundo sosteñen, a idea orixinal era editalo a principios do século XX e tamén en Santiago, pero a enfermidade e posterior morte de Navalón en 1902 conxelou o proxecto para sempre. En 2010 ‘Sentinel Wardrobe’ atopa fortuitamente un dos manuscritos que Verne enviou a Navalón para revisar aspectos xeográficos e técnicos do texto. E a partir deste achado, deciden seguir as pistas do Santiago que Xulio Verne imaxinou 111 anos atrás a través do evento ‘2011, L’Extraordinaire Uchronie’.
Titoriais, reciclaxe e moita imaxinación
María, unha das participantes no evento, explica que ela normalmente segue o estilo Lolita, que nesta ocasión mesturou coa estética steampunk. Entre os seus complementos destacan unhas gafas tipo aviador e unha mochila reactora (para voar!). Xunto a ela, Rafa, que a axudou a confeccionar estes elementos do seu vestiario, explica que o fan reciclando materiais como regadoras ou coadores, “cousas do chino”, e por suposto, coiro. No seu caso os deseños son propios, pero a web do evento proporcionou aos participantes titoriais para confeccionar os seus atuendos e complementos.
A Rafa e a María xa lles gustaba o steampunk, e coñeceron esta iniciativa a través de internet. El, ademais, vén de presentar na ‘Uchronie 2011’ un xogo de rol de estilo Steampunk titulado ‘Brumas del Alba’. Rafa explica que sempre buscou a estética steampunk, “antes incluso de que se chamase así”. “Púxose de moda, produciuse un boom, pero hai xente que leva moito tempo”, sinala.
Ataviados cos retroparaugas que a choiva esixía, os ucronautas asistiron a unha exposición na Casa das Asociacións, bailaron no Casino, visitaron a Casa da Troia, oficiaron unha cerimonia de iniciación nunha sociedade ocultista, asistiron a unha sesión de cine steampunk no marco do Curtocircuito… e para rematar, participaron na Sala Nasa nunha Ultranoite Retrofuturista na que imaxinar como imaxinariamos o futuro de ter podido facer un cabaré en Compostela a finais do século XIX. Así, sobre o escenario, a actualidade informativa do Breaking News Galicia ao xeito do cine mudo alternábase con trucos de maxia; cunha ‘lixeira’ Bela Otero; e cunha unha axente literaria que aconsellaba a un fantasiosos Xulio Verne, a un gentelman Conan Doyle e a unha pouco afeminada Rosalía de Castro.
Se o perdiches, quizais poidas imaxinar como imaxinarán no futuro como imaxinamos que Xulio Verne imaxinou Santiago en 2011.
Fotos | Disquecool
Moitas gracias.
Grazas a ti :)