Iñigo Montoya e un dragón no Pico Sacro

Cartel Sacred PeakSe o pasado mes de maio quedaches con ganas de participar no evento retrofuturista, steampunk e neovitoriano ‘2011, L’Extraordinaire Uchronie’, que saibas que aínda estás a tempo de preparar o teu atavío para o próximo gran evento de Sentinel Wardrobe, o mesmo “pequeno grupo de tolos” que o ano pasado organizou o Imperial Stormtroopers. Nesta ocasión propoñen encher Santiago de “orcos, elfos, dragóns, bruxas, magos, espadachíns e unicornios” con ‘Sacred Peak’, un tributo ao cine de fantasía épica dos anos 80.

Hai uns días, o domingo día 25, os membros de Sentinel Wardrobe presentaron a través dun evento online en directo a súa proposta para o 2012. Por que o día 25? Por que cinema de espadas e bruxería en 2012? Pois ben, todo ten a súa explicación. Precisamente o 25 de setembro de 1987 estreouse ‘The Princess Bride’ (‘A princesa prometida’). Xa sabedes, a da mítica frase: ‘Hello, my name is Iñigo Montoya. You killed my father. Prepare to die!’. O filme fará 25 anos en 2012, e por “unha casualidade cósmica”, segundo os organizadores deste encontro, tamén o próximo ano estará de aniversario ‘Conan the Barbarian’, que cumple 30. Ambas películas representan para eles un fito na historia do cine, e a base deste xénero.

Minina de Cheshire, Jorge del Oro e Quenerapú foron debullando durante a presentación algunhas das sorpresas de ‘Sacred Peak’. Como xa sabemos por anteriores encontros temáticos, aos de Sentinel Wardrobe gústalles atopar algunha relación entre o evento e o lugar onde se celebra. Nesta ocasión, o tributo a este tipo de cine únese coas lendas que afirman que no Pico Sacro hai un dragón. Segundo o Codex Calixtinus, os discípulos que trouxeron a Santiago desde Padrón tropezan alí cunha besta que intenta frear a súa comitiva. Un deles, Atanasio, fai o sinal da cruz, o animal explota e dos ovos que estaba a chocar saen varias crías de dragón que se refuxian nunha cova.

Pois ben, a historia que conducirá este evento ten moito que ver con este temible dragón e a súa guarida no Pico Sacro, xunto á cal morreu o pai de Iñigo Montoya. “Neste lugar de fantasía que é Santiago de Compostela, en 2012 restableceremos o equilibro entre o ben e o mal, a luz e a escuridade, controlando a furia do dragón xa esquecido que reclama o seu tributo”, proclaman os organizadores.

Para vingar a memoria do pai de Iñigo Montoya, asasinado por un home con 6 dedos, é necesario un “paladín”, “o mellor íñigo Montoya”, que será escollido nun concurso que arrincará proximamente e que consistirá na gravación dun vídeo coa frase que se subirá á web da iniciativa.

Avisados quedades, xa podedes ir escollendo o voso personaxe, ou ensaiando a frase máxica desta cita de fantasía: ‘Ola, o meu nome é Iñigo Montoya. Ti mataches ao meu pai. Prepárate para morrer!’

Imaxes | Sentinel Wardrobe

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *