Edimburgo: unha cidade con encanto

Edimburgo é outra desas cidades que non saben venderse. Por suposto, todos escoitamos algunha vez que se trata dunha vila ben bonitiña e o feito de que sexa a segunda cidade do Reino Unido máis visitada (por detrás de Londres) dá conta do interese que suscita. Sen embargo, case todos ignoramos ata que punto é impresionante. Na mesma liga que as Bruxas e as Venecias do mundo, con montóns de edificios doutras épocas que crean un ambiente cohesionado e cun punto máxico, non é un nome que adoitemos escoitar cando preguntamos a alguén por un lugar con encanto.

Sen dúbida algunha, a mellor forma de chegar a Edimburgo é en tren. A estación atópase nun val, por un lado, ao pé dun pequeno outeiro, sobre o que podemos ver erguerse, maxestoso, un castelo medieval, rodeado de casiñas de épocas tamén remotas. Diante, un museo de aparencia clásica e frondosos xardíns. Ao outro lado elévase a cidade moderna, detrás da cal se intúe o mar. A impresión é tal que un se quedaría aí todo o día só a mirar para os lados. Pero é que ademais non se trata dunha desas cidades mortas de parque temático, xa que a pesares da súa imaxe apracible de pequena vila, en Edimburgo bule unha poboación de 500.000 habitantes.

O castelo parece a primeira parada obrigatoria, aínda que o prezo (18 libras) excede en bastante o interese real do lugar. Construído no século IX sobre un penedo rochoso, desde el aprécianse unhas vistas magníficas sobre a cidade vella, a nova e o ancho mar, iso si.

Practicamente desde o castelo sae unha longa e medieval rúa que percorre toda a zona vella. Aos lados, edificios dos séculos XVI, XVII e XVIII, sorprendentemente altos para a época, que hoxe albergan -sobre todo os baixos- cafeterías, bares e tendas de souvenirs, ademais da catedral gótica. Esta zona parece un escenario de película, e iso non resulta moi cool, pero conta con recunchos encantadores, especialmente se te perdes polos patios interiores e percorres os numerosos e intrincados closes (canellas) que abundan entre os edificios.

O mellor de todo aínda esta por chegar. Ao final desta rúa megaturística está o novo Parlamento, un edificio de deseño contemporáneo que causou moita polémica. Fronte a el, o palacio real Holyroodhouse, residencia oficial da familia real en Escocia. E ao carón, tras unha curva, a marabilla. Un outeiro abrupto, case precipicio, que se extende totalmente deshabitado, sen máis vexetación que a herba brillante. Chámase Arthur’s Seat e se pode ascender a pé sempre que se conte co calzado axeitado. As vistas pagan totalmente a pena.

Se volvemos á zona nova advertimos que non ten nada que ver co caótico plano de canellas entrecruzadas que caracteriza ao casco antigo. Aquí, a orde é a norma, con edificios elegantes de fachada xeorxiana dispostos en cuadrículas, animados con amplas prazas de arquitectura neoclásica, todo moi  á moda burguesa do século XIX. Ao carón, como non, outro outeiro que serve como mirador con estupendas vistas panorámicas, pero esta vez repleto de monumentos conmemorativos : é a acrópole.

Non convén deixar Edimburgo sen visitar Leith, o barrio que se sitúa xunto ao mar (a uns 3 km do centro da cidade) e que alberga o porto marítimo. Trátase dun barrio un tanto peculiar, no que aínda podemos ver a decadencia a pesares da reconversión dos anos 80 con apartamentos de luxo e restaurantes hipermodernos nos peiraos. No porto atopamos tamén a atracción turística máis visitada de Reino Unido: o iate real Britannia, onde viaxa a familia real ata hai 13 anos. E que… quen non querería ver os apousentos onde durmiron Lady Di e o seu marido na lúa de mel!

Fotos | Bertn Rostad y Aimee Daniells

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *