Como Galicia podería formar parte do Reino Unido

Galicia como parte do Reino Unido

Quen di que nos separatismos non hai modas? Claro que as hai! E Portugal xa está moi visto. Vale que os queremos, que teñen unhas cidades moi bonitas e cool e que a lingua é máis doada de aprender que… o inglés. Máis que nada porque hai un 85% de posibilidades de entenderse entre uns e outros sen nin sequera ter que facer o esforzo de aprender a lingua do outro. Pero, en fin, que xa levamos anos escoitando a mesma cantinela e, como todo o mundo sabe, o que chama a atención son sempre as ideas frescas. Así que… por que non procurar outro lugar? Un lugar, por exemplo, que estea unido a Galicia por milleiros de anacos de historia compartida? Poderíase escoller Irlanda (que a lenda – en fin – di que foi colonizada por un dos fillos de Breogán!! – ou algo así- ) pero iso é como bailar co máis feo. Pero non… o que Galicia clama (ou claman 130 persoas neste momento en Change) é o de converterse en parte do Reino Unido.

Total, eles van perder Escocia, así que van ter un oco no mapa que poden encher con algo. E que mellor que facelo con Galicia? Nesta carta aberta a David Cameron, o primeiro ministro do Reino Unido, glosan as vantaxes para que Galicia se converta na nova Escocia sen moitos esforzos. Xa hai un Celtic de Glasgow (chámalle Vigo), moitas gaitas, un tempo de merda, unha paisaxe encantadora, o océano Atlántico, Edimburgo (quen di Edimburgo di Compostela), unha bandeira azul e branca (tampouco van notar moito cambio nos desfiles, non?) e moito alcol.

O organizador desta sorprendente secesión tamén apunta unhas cantas cousas que Galicia podería aportar a Reino Unido, como Zara, un acento máis doado de entender que o escocés ou marisco (aínda que nós non temos claro se serán argumentos de peso, deberían engadir que España esquecería dunha vez por todas Xibraltar porque Galicia ten máis metros cadrados ou- esta é a outra alternativa- que terían máis posibilidades de gañar Eurovisión porque recibirían os votos da Escocia independente e os da España decidida a levarse ben co novo veciño).

Polo momento todo é ficción, claro está, ou política ficción, como prefirades, porque as cousas en Change.org só se conseguen cando se alcanzan os números de sinaturas requiridas. Pero en canto iso suceda, David Cameron non terá máis remedio que analizar esta proposta territorial. E quen sabe… en tres meses poderiamos estar cantando God save the Queen! con verdadeiro (verdadeiro!!) acento de Oxford!

Shares

5 comentarios

  • Roberto di:

    Por non comentar que a bandeira de Galicia ten a súa orixe na bandeira da provincia marítima de A Coruña, que a súa vez está inspirada na cruz de San Andrés, coma a escocesa … ¡Mallado!

  • Isso de entrar no Reino Unido já o tentarom os bascos a começos do século passado (existe uma carta de Sabino Arana ao Foreign Office a parabenizar os ingleses pola vitória na primeira Guerra Mundial e a falar do assunto).

    PS: se quadra era mais interessante solicitarmos o ingresso como estado de pleno direito nos EUA, chegar a um acordo com a Rússia para alugar as rias como base de submarinos ou postular a Galiza como plataforma logística e militar chinesa…

  • O reino passaria a chamar-se oficialmente ‘United Kingdom of England, Wales, Northern Ireland and Galicia’. :D

  • pepito di:

    Gustoume o artigo. Mágoa de…

    “Galicia se converta na nova Escocia sen moitos esforzos. Xa hai un Celtic de Glasgow (chámalle Vigo)”

    Quizabes chámaa Vigo.

    Bo Nadal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *