Os cupcakes seguen a estar moi de moda pero, se o pensas, levan xa demasiado tempo entre nós. Son tan 2012! E, maldita sexa, non son máis ca madalenas con sombreiro, igual ía sendo hora de crear algo novo. E, efectivamente, desde hai uns meses os cupcakes xa non son o doce máis desexado de Nova York. Como desexar algo que está en todas partes? Moito mellor se falamos dunha nova peza de repostería, da que se poñen á venda só 200 unidades diarias e da que hai xa ata mercado negro (si). Falamos dos cronuts.
Como é doado intuír polo seu nome, os cronuts son un híbrido entre un croissant e donut: á masa do croissant dáselle forma redonda e, no canto de meterse no forno, frítese. Despois, como no caso dos donuts, pódese glasear ou botar unha capa de chocolate ou calquera outra cousa por riba. Lixeiriño, verdade?
Os cronuts non son máis ca unha invención do pasteleiro francés Dominique Ansel que un día en maio dixo no seu blog que ao día seguinte poría á venta un novo doce chamado cronut. E, como se dun novo produto de Apple se tratase, á mañá seguinte había colas xa fronte á pastelería (e así todas as mañás). Ansel, claro, xoga a manter os cronuts no terreo da exclusividade, fomentando así que sexan algo moi desexado: fai só 200 diarios, véndeos a 5 dólares, e cada cliente pode mercar só un. Unha estratexia perfecta para facer que todo o mundo esqueza os cupcakes e xa só queira cronuts. E se ides ao Craiglist de Nova York e buscades “cronut”, veredes de seguido ata que puntos ten chegado esta tolemia.
As predicións (como en todo, no mundo da repostería hai tamén analistas) dicían que a moda dos cronuts chegaría a Europa en outono e parece ser que así está a ser (a Londres chegaron un pouco antes). En España véndense xa en varios lugares en Barcelona, en Madrid e en Euskadi, que nós saibamos, e aínda non temos constancia de que os cronuts existan xa tamén en Galicia (se sabedes dalgún sitio avisade, tampouco é que nos matásemos a buscar).
E non, posiblemente non sexan para todos os días, pero a verdade é que non teñen mala pinta e non estaría mal probar algún día esta bomba de azucre e ver a que vén todo isto. E na nosa cabeza xa está o episodio dos Simpson no que Homer descubre os cronuts. El será quen teña a última palabra.
Foto | Arnold Gatilao
Moito 2 broke girls
Hola! Hace unas semanas leí vuestro post sobre los cronuts y esta tarde he descubierto un sitio en Santiago donde los ofrecen. Se trata del recién inaugurado Cocotte, en Casas Reais, en el local que antes ocupaba Piza Polo justo al lado de La Flor. No puedo daros mi opinión sobre ellos, porque venía de comer un copioso cocido y ni se me pasó por la cabeza probarlos, pero queda pendiente…
Ya para terminar, felicitarlos por esta página que me encanta!
Teño que ir probalos!!! :D
Que ganas de ir probalos!
Tamén hai unha corrente de reposteiros cataláns que din que os Cronuts se levan facendo nas súas pastelerías desde fai moitos anos como Guillem Lleonart. :)