Poñámonos en situación. Ti estás nun bar, unha noite de festa. Coas túas mellores galas que amosan que es unha das persoas máis cool do mundo, que tes unha personalidade especial, que quizais sexas ata artista. Cos teus amigos súperguays, gin tonic en mano (ou mellor algo distinto, que iso está xa moi visto) e facéndote fotos para colgar en Instagram. Entón pasa. Vén un fotógrafo contratado polo bar e quere sacarte unha fotografía. Si, a ti, a ti e aos teus amigos (porque molades, claro). Esa foto estará despois na súa páxina de Facebook, di. Cunha caída de ollos déixaste fotografar. Que non se note que é o momento máis esperado da noite. É o momento de sacar todas as túas armas de hipster. É o momento de posar.
O que ti non sabes, pobre inocente, é que ese fotógrafo é algo impostor e que en realidade non está a facer ningunha foto. Está a facer un vídeo. E todos sabemos como acaban os vídeos nos que o protagonista cre que está a posar para unha foto: ridiculamente mal. E se falamos de xente fotografada de noite nunha discoteca, as cousas acadan un nivel aínda superior. Todos os segredos saen á luz. Ese sorriso non é tan natural, a mirada está demasiado ensaiada no espello, por que abres así a boca se non estás a gritar nada?
Un calafrío está a percorrer as túas costas imaxinando que algo así puidese pasar. Quen podería ter unha idea tan deliciosamente malvada? Que bar querería expor así ao ridículo aos seus clientes? A resposta é o C. U. Next Tuesday (se o pos todo en siglas tes cunt, que en inglés significa algo así como cona e é considerada unha das palabras máis vulgares do idioma), un local de Dublín frecuentado por pequenos e inocentes universitarios crecidos na cultura do selfie e a necesidade de compartilo todo, que decidiu capturar en vídeo a súa transformación cando hai unha cámara diante que, coitados, cren que está a sacar unha foto.
O resultado é hilarante e dá ata unha pouca vergoña allea. E fará que non volvamos a ver coa mesma confianza a eses fotógrafos que frecuentan as noites, xa sexan do bar, dunha web rollo tillate ou dun blog de street style. Porque o de aprender a posar de forma natural é máis ben un oxímoro. O vídeo? Este: