A finais de 2017, houbo en León un congreso de columnistas, que segundo os organizadores pretendía ser «el mayor evento de periodismo de opinión de España». Pero non se decataran dun pequeno detalle do que si se decatou Twitter en canto anunciaron o cartel: non había nin unha soa muller. Despois engadiron algunhas firmas femininas como resposta ás crtíticas, pero segue a sorprender (ou, tristemente, quizais non tanto) que necesitasen un escándalo tuiteiro para cubrir a cota (tiveron ao final un 20% de mulleres! grazas, señores!).
Durante os días nos que se celebrou o congreso en outubro, en Twitter houbo un congreso alternativo baixo o hashtag #HayMujeresColumnistas, no que os usuarios compartían artigos de opinión firmados por mulleres, pero a sensación de que o que estaba a pasar en León era inxusto e de que era necesario algo máis que un congreso alternativo en Twitter seguía alí. Afortunadamente, as xornalistas Susana Pedreira e Diana Lovar deron ese paso adiante e a principios de marzo celebrouse en Pontevedra o congreso As mulleres que opinan son perigosas. No cartel, ups, esquecéronse dos homes.
Por alí pasaron Rosa Montero, Elisa Beni, Ana Bernal-Triviño, María Varela, Fernanda Tabarés ou Marta García Aller, entre outras, e aprendemos, nunha mestura de indignación continua tingada coa esperanza da sororidade, cousas como que homes son quen firman o 80% dos artigos de opinión ou o 91% dos expertos consultados polos medios (nós, en cambio, somos unhas testemuñas e vítimas magníficas). Saímos de alí entre enfadadas e contentas e, sobre todo, con moitísimas ganas de seguir.
Esta fin de semana, mañá venres 1 e o sábado 2 de marzo, terá lugar a segunda edición. O cartel deste ano non é menos impresionante: Pepa Bueno, Ana Requena, Marta Sanz, María Xosé Porteiro, Tati Moyano, Ana Romaní e moitas máis. Os temas? A opinión na prensa local, escribir opinión de deportes sendo muller, a opinión en redes, medios públicos, crítica cultural…
A asistencia ao congreso, que se celebra no Teatro Principal de Pontevedra, é gratuíta, pero é mellor inscribirse na web para reservar unha praza. Nós recomendámolo moito e alí estaremos un ano máis.