Entendendo o feísmo a golpe de investigación

feismo

Casas co exterior de cemento que nunca se chegou a pintar. Galpóns co tellado de uralita. Edificios que hai demasiado tempo que non reciben unha man de pintura, manchados polo paso dos anos sen que a ninguén lle importen. Solucións provisionais que nunca chegan a ser substituídas pola definitiva. Falamos do controvertido feísmo, que para uns é unha cousa, para outros outra, e para outros un termo que teríamos que eliminar do noso vocabulario. E falamos tamén da inevitable relación que facemos sempre: o feísmo é algo tipicamente galego.

Pero, que é exactamente o feísmo? Só o temos nós? Todo o mundo ten claro que é e como afecta á sociedade? Estas son algunhas das preguntas que se fixeron Antía Ameixeiras, Alejandro Gándara e David Fontán, tres estudantes da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC que decidiron usar o seu proxecto de fin de grao para darlle resposta. E así naceu Feísmos?, un proxecto que ten vocación de “botar, de xeito colectivo, un pouco de luz sobre un asunto tan complexo e controvertido coma este”, cóntannos. En concreto, interésalles ver como ven o feísmo as persoas máis afectadas por el. “É un tema recorrente nas redes sociais, mesmo ten sección propia nalgún xornal de tiraxe importante. Pero aquelas que permanecen á marxe destas canles, en boa medida primeiras afectadas ou protagonistas do asunto, saben o que é o feísmo? Coñecen tan sequera o termo? Preocúpalles o asunto? E as entendidas, realmente entenden o mesmo?”.

A semana pasada lanzaron a web do proxecto, que non é máis ca unha continuación da investigación. Un pequeno vídeo no que preguntan a diversas persoas que opinan do feísmo e se cren que viven nel e unha enquisa para que nós, os internautas, demos a nosa opinión. “O vídeo dá pistas sobre a liña que estamos a seguir no noso traballo de campo, e nel tamén figuran tres escenarios que escollemos por paradigmáticos e nos que temos preparadas varias accións. Por outra banda, o test achéganos á visión que teñen sobre o asunto grupos concretos da sociedade, e tamén funciona como un punto de partida sobre o que poderemos definir certos aspectos do proxecto”. A idea é que todo esto remate nun documental, aínda que a viaxe é tamén importante para que “tanto nós como a xente que segue o proxecto vaiamos reflexionando sobre os feísmos e as súas implicacións; vaiamos aprendendo das diferentes realidades que existen, tanto en Galicia como fóra, ao redor deste asunto…”.

E despois está a pregunta clave: por que só pensamos en Galicia ao falar de feísmos? trátase dun fenómeno típicamente galego? Desde Feísmos? aclaran que por suposto que non. Existe en zonas próximas como Portugal e outras máis lonxanas como Rumanía, e citan o proxecto Pride and Concrete como exemplo de que o tema preocupa tamén noutros lugares. En común parece haber “situacións de conflito” ou “sociedades ou culturas en transición, como a nosa”.

Do que levan xa feito da investigación, están a atoparse con sorpresas, como que “non todo o mundo coñece o termo”. E aínda que o coñezan, poden entender cousas moi distintas, o que deixa claro que é un termo algo “deficiente”. “Acaba por ser un caixón de xastre no que caben cousas ben diferentes e que quizais non teñen tanto que ver. Pero iso tamén pode ser unha riqueza á hora de abordar o asunto, xa que hai puntos en común sobre os que se pode traballar conxuntamente: ordenación do territorio, maltrato (ou non) á paisaxe, choque cultural…”.

E é que desde Feísmos? cren que nin sequera ten que ser todo malo. “O problema é que aquí estamos afeitas a ver cun prisma negativo todo o que nos acontece; quizais parta de aí a visión que os medios de comunicación dan sobre o asunto, un tema que daría xa non para un TFG, senón para unha tese”. O resultado de todo isto, e a propia reflexión e opinión dos responsables de Feísmos?, “nuns meses”.

Foto | Feísmos?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *