Por que deberías ir ver O gran hotel Budapest?

Acaba de chegar aos cines O gran hotel Budapest, a última película de Wes Anderson. Un escritor atópase nun vello hotel de Entreguerras, agora decrépito e medio baleiro, coa súa beleza doutra época atacada polos letreiros de aires sesenteiros nos que indican que non se pode subir ao ascensor en caso de incendio, cun home, o señor Mustafá, o propietario do hotel, que lle conta como a propiedade chegou ás súas mans. E así marchamos a 1932, a esa Europa de Entreguerras (ou mellor, a unha versión falsa pero bastante adecuada para entender a verdadeira), onde Monsieur Gustave dirixe o estiloso e impoñente Gran Hotel Budapest e a onde chega Zero, un rapaz apátrida, para instruírse como botóns.

Anderson inspírase na obra (e vida) de Stefan Zweig, o grande escritor austríaco que foi un dos nomes máis importantes e populares da literatura europea de Entreguerras. A película non é exactamente unha adaptación das súas obras (de ningunha en concreto), pero recolle o seu espírito e captura a esa Europa que se estaba desmoronando. Non hai que ser un lince para ver os paralelismos entre a Europa Central do 1932 real e a Europa Central na que está a Zubrowka da película. Zweig podería ser o escritor – sen nome – que interpreta Jude Law, que é a quen nalgún momento dos 60 lle contan a historia (e de quen sabemos nun momento que foi pasar unha longa tempada a Sudamérica… como fixo Zweig durante a II Guerra Mundial, cando se exiliou en Brasil onde se suicidaría en 1942 ante o tráxico rumbo que estaba a seguir o mundo).

O director explica en practicamente todas as entrevistas que lle fixeron (podedes coller unha calquera ao chou para velo), que leu A piedade perigosa (en castelán foi publicado por Acantilado como La impaciencia del corazón ) e namorou ipso facto do escritor: do seu xeito de contar historias, nas que a historia sempre tropeza con quen a conta xa que alguén lla conta a el; do mundo que contaba, esa Europa de Entreguerras; e dos seus personaxes, en A piedade perigosa é un oficial do exército austrohúngaro, destinado nunha pequena localidade ‘de provincias’ que coñece a unha rapaza en cadeira de rodas e a quen se ve atada por culpa de certos malentendidos. Stefan Zweig, aínda que nunca deixou realmente de ser editado en Europa, non é moi popular en Estados Unidos e, como podedes imaxinar, agora todos esperan que se poñan de moda.

Pero ademais dos puntos literarios, O gran hotel Budapest é unha película visualmente impecable. Podedes ir vela por simplemente mirala, porque cada escena, cada imaxe, está composta para ser directamente fermosa. O uso das cores, a roupa, os boliños que cociña Agatha… todo é bonito. Todo está coidado ata o extremo, ata o punto de que a imaxe gráfica de todos os elementos está pensada para encaixar na historia. Anderson fichou á deseñadora gráfica Annie Atkins, que fixo o deseño de todos os elementos que tiveran imaxe escrita na película. Dende os pasaportes ata as caixas nas que se levan os pasteis de Mndl’s. Para que todo fose realista e acorde co tempo no que está ambientada a película, Atkins empregou técnicas da época e ata unha máquina de escribir dos anos 30 para facer os informes e textos que se ven no filme.

Anderson está, ademais, obsesionado coa simetría, polo que a imaxe sempre está en equilibrio. (Si, se cadra dun modo un tanto enfermizo, pero o resultado é sempre impresionante).

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *