Xa van unhas semanas desde a gran nova tecnolóxica do ano, a da compra de Whatsapp por parte de Facebook por moitos miles de millóns de dólares, e o tema parece que continúa a estar moi candente: estamos seguros en Whatsapp? A resposta lóxica é que non, todos coincidimos. Entón apareceu Telegram (que xa existía, si, pero poucos oíran falar del) e a fuga de moitos usuarios. “Eu pásome a Telegram”, seguro que o dixeches (e o fixeches) ou que tes amigos que fixeron o cambio. Pero, desinstalaches Whatsapp do móbil? Por que estás tan seguro de que en Telegram estás tan a salvo? A miña pequena revolución, a miña afirmación polémica: mentres os meus amigos estean en Whatsapp, eu quedarei alí.
Non é que confíe cegamente na app de mensaxería ou que crea que a adquisición de Facebook non vai a cambiar nada, ao contrario. Non me fío nin un pelo, pero tamén creo que deixar Whatsapp non fará moito pola miña seguridade e privacidade. Non mentres siga a ter un perfil en Facebook, mentres siga a buscar cousas en Google e utilizar os seus servizos, mentres continúe tendo un smartphone normal que non é o Blackphone, mentres siga a levar, en definitiva, unha vida tecnolóxica. Eu xa estou vendida (e ti, amigo que chegaches aquí a través de Facebook ou Twitter ou Google, tamén), e xa o estaba moito antes de que os vendidos fosen os de Whatsapp. Podería cambiarme a Telegram e sentirme algo máis tranquila, pero en realidade non cambiaría moito.
A que nos referimos exactamente cando falamos de seguridade e privacidade? Cal é o teu medo con respecto a Whatsapp? (o de que as fotos aparezan no Facebook é un claro bulo, que serán malvados pero non parvos). Podemos falar de moitas cousas: de que as nosas contas poidan ser hackeadas (esta é a maior vulnerabilidade de Whatsapp, pero xa era así antes de Facebook), de que toda esa información que compartimos vía app de mensaxería sexa utilizada para crear bases de datos que vender a anunciantes, de que Obama e a súa NSA estean a espiar o que dicimos, de que todo se vaia a encher de anuncios que saben demasiado sobre nós. Calquera de estas razóns é válida, pero esas razóns xa existían antes de que Whatsapp fose propiedade de Facebook, o que fai que todas estas ameazas de abandono da app sexan case algo ridículas. O primeiro que teríamos que deixar é Google e Facebook. Despois xa falaríamos do resto.
Caer na paranoia é fácil, porque no momento no que entendes o alcance de todo isto sabes que o único realmente efectivo sería eliminar por completo todas as túas contas en calquera rede social ou servizo de Internet e proceder a cortar os cables que levan a rede á túa casa. E aínda así non estarías a salvo: se xa apareces nos resultados de busca en Google seguirás a aparecer, porque o buscador non cre no dereito ao esquecemento e as lexislacións que se están a preparar non parece que vaian a solucionar o tema (hai certa presión lobbística por parte de todos os xigantes de Internet). Protección de datos, privacidade, seguridade. Énchesenos a boca ao falar destes temas, pero o certo e que non somos máis ca pequenos peóns nun xogo no que pouco podemos ou queremos controlar.
Non hai nada que facer? Se non estamos dispostos a vivir sen Internet, se non queremos deixar Facebook, se Google asusta e fai feliz a partes iguais, significa que xa renunciamos aos nosos dereitos á privacidade hai tempo e para sempre? En certa medida si, pero tampouco hai que ser tan fatalistas. Ao final, lembra isto, e sobre todo para o caso das redes sociais, es ti quen decide que comparte e con quen. Todos temos en Facebook a xente que comparte cousas demasiado persoais para o noso gusto (o listón é distinto para cada persoa) e todos cremos que nós o facemos máis ou menos ben. Es ti quen comparte, quen di “gústame”, quen introduce os seus datos persoais e esa pequena esfera si está baixo o teu control.
Quizais faia falta tan só cambiar como vemos todo isto: Facebook non é un lugar para estar máis conectado cos teus amigos, Facebook non é privado por moi pechada que teñas a túa configuración. O noso fotógrafo, Andrés Fraga, di sempre que desde que empezou a vivir dando por feito que todo o que se fai en Internet é público, empezou a estar máis tranquilo. Ti decides que é o que queres que sexa público sobre ti. Ti bosquexas esa imaxe pública, iso que queres que lea a xente cando te busca en Google (porque, disto non hai escapatoria, algo atopará).
A reflexión necesaria vai máis alá de deixar Whatsapp e pasarse a Telegram, incluso de dar por feito que todo o que fas en Internet (mensaxería incluída) é público. A reflexión debería centrarse en que significa que todo iso sexa público (aínda que non o sexa), en que significa realmente compartir tantos datos, aínda que sexan os que nós queremos compartir. Falade con alguén especialista en protección de datos e vos convencerá rapidamente de que a única solución é cambiar de identidade e fuxir a vivir a un monte afastado de todo. Para os que non estamos dispostos a facer iso, bastará con intentar ser algo máis conscientes. Sentidiño. Eu sigo en Whatsapp, Facebook e Google e non me cambio a Telegram porque creo que non serviría para moito. Cambiarei, por suposto, cando todos os meus contactos estean alí. Pero non porque me vaia a sentir moito máis segura.
Eu non creo que o cambio de Whatsapp a Telegram teña que ser obrigatoriamente por unha cuestión de seguridade. Eu dei o salto a Telegram pola comodidade de ter unha aplicación para o Mac dende a que podo recibir e contestar mensaxes sen ter que estar todo o día pendente do móbil.
Para min é máis unha cuestión de optimización do meu tempo que de privacidade porque, coma ben dis, dende o momento no que abrimos o navegador os nosos movementos teñen infinitos ollos enriba.
Claro, a min dame igual que app de mensaxería use cada persoa, cada cal a que máis lle guste. A entrada é en resposta a fuxir de Whatsapp desde a compra de Facebook por “motivos de seguridade” :)
Antía, eu creo que se refiren claramente as persoas que cambian dunha app a outra por seguridade, non a aquelas que o fan por outros motivos. Saúdos :)
A xente guapa, guapa estamos empezando a mandar sms outra vez.
Magnífica reflexión. Estou de acordo en cada unha das palabras. Temos que ser máis conscientes co uso que facemos de Internet e deixar a un lado as paranoias que asaltan de vez en cando (como o do cadrado amarelo). Gostoume moito, delata sentido común
lo de poder usarlo en pc o tablet es un puntazo para telegram. si whatsapp lo copiara tendría poder absoluto