Encántame escoitar á xente pola rúa, nos autobuses, nos trens. O bo do transporte público é que podes chegar a coñecer o final da historia, o bo das frases fuxitivas é que podes fabular o resto do contido. Os meus favoritos son os adolescentes, coas súas atribuladas vidas sentimentais que sempre parecen ocorrer no Whatsapp (ata hai uns anos no Messenger). Tamén me gustan moito os nenos poéticos e os vellos de volta (ou que o parecen cando só escoitas parte da conversación). Pero todos temos a nosa gracia, todos podemos parecer inquietantes, absurdos, divertidos, ou certeiros cando se escoita só parte da nosa conversación.
Por iso Juan Berrio (debuxante e autor de cómics coma ‘Miércoles’, y, ou ‘Dentro de nada’) comezou en 2009 o seu blog Cuadernos de frases encontradas, que hoxe é xa tamén un libro e mesmo unha exposición (ata o 30 de marzo no museo ABC de Madrid). Alí non fai máis que representar frases recollidas pola rúa, sempre reais, e tratando de ser o mais fiel posible (na descrición das personaxes) á realidade.
Todo comezou cando un día cruzou cunha parella e escoitou dicirlle a ela “Cúspeme na cara”. Mirou e remirou á parella, pero non parecía estar discutindo, non parecía haber nada que xustificase unha frase tan agresiva. Non puido evitar quedar a pensar en cal sería a historia, de onde sairían esas verbas, a onde ían e de onde viñan. Esa foi a semente para comezar a compartir cos demais esas frases escoitadas ao azar, e que descontextualizadas, adquiren un novo significado (o que nós queiramos darlles).
Na galería podedes ver algúns fantásticos exemplos (das preto de 500 escenas que leva realizadas).
E se che gusta o estilo “a realidade supera á ficción” podes botar un ollo tamén ao cómic ‘La vida secreta de los jóvenes’ de Riad Sattouf, nun estilo máis escuro e feísta, iso si.
Encántame!! Eu sempre fun dos de ir escoitando as historias no bus. Ademais, se frecuentas unha liña en concreto xa coñeces á xente. É o máis parecido a unha telenovela que hai!! :D