A lenda de María Soliña, reescrita con voz de muller

María de Eli Rios

*Colaboración de Lucía L. Bayo

A poeta Eli Ríos presentou na libraría Suévia (A Coruña) a súa última obra, ‘Maria’, gañadora do I Premio de Poesía Figurante

Maria Soliña/imagino-a pixelada desenfocada/pum, ponto e à parte/perdim-me no ecram é un dos 500 versos que componen ‘Maria’ (O Figurante Edicións), un poemario que “reescribe” a historia de María Soliña e co que Eli Ríos pretende reconstruír “a vida dunha muller que foi sempre contada por homes”.

A lenda conta que María Soliña, nada en Cangas do Morrazo, foi detida, torturada e condenada por bruxería polo Santo Oficio no século XVII. Pero a historia deste personaxe tamén reflicte o símbolo de muller acusada, despoxada e aldraxada que pasou á cultura popular como emblema do sufrimento do pobo.

A autora partíu da lenda e tamén da literatura poética arredor desta figura -a cantiga Ondas do Mar de Vigo de Martín Códax ou o poema María Soliña de Celso Emilio Ferreiro- para “pórlle voz de muller á unha historia de muller”. ‘Maria’ reaprópiase dunha transmisión tradicional para poñer a voz da protagonista “onde debeu estar sempre”: na boca dunha muller. Porque a historia das mulleres “sempre veu contada polos homes e chega un tempo no que as tornas cambian”.

O fío conductor do poemario é María Soliña, mais o obxectivo último é darlle voz ás mulleres e e deixar a un lado o simbolismo da dor e o sufrimento –tamén utilizado na figura de Rosalía de Castro durante moitos anos- para que agromen outras representacións da muller. “As mulleres necesitamos visibilizarnos doutra maneira, non só como tristura, sacrificio, nai…”, asegura Eli Ríos, quen está convencida de que a muller do século XXI ten que coller a historia e reescribila, “porque ese é o papel do feminismo”.

‘Maria’ dá voz a todas aquelas marías que algunha vez tiveron algo que dicir e foron silenciadas pola cultura patriarcal. “Agora ela [Maria] será quen roube os froitos e obteña duplos seises nos dados do destino”, manifestou a poeta. Eli Ríos non sabe con certeza se é posible ou non cambiar o mundo a través da poesía, aínda que destaca que en todo caso “é a persoa que le quen decide o que quere cambiar e o que non”. A tarefa queda entón nas mans das/os lectoras/es, pois como dicía o poeta Ángel González, “a poesía cambia a nosa percepción do mundo”.

Shares

Etiquetas

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *