O Disco da Semana: Agent Cooper, de Russian Red

russian-red-agent-cooper-2014-1200x1200 Chegou un deses momentos. Ese no que un grupo (ou solista, neste caso), foi medrando tanto, por un motivo ou outro, que cando se achega o lanzamento dun novo disco seu, pálpase certa tensión no ambiente. Deses que polariza á audiencia. Fans e haters, humanos entregados á causa ou seres armados e listos para o asasinato e despece da vítima. O caso é que unha desas artistas, a día de hoxe, é Russian Red.

Poucos exemplos semellantes podemos atopar na escena española, e máis aínda se nos damos conta de que, ao final, “Agent Cooper” (Octubre, 2014) é unicamente o seu terceiro disco, e nin comezou a andar. Iso a pesar de que un ten a impresión de que Lourdes Hernández leva vivindo entre nós case dende nin se sabe cando. Como se formase parte da familia. Xa sexa esa sobriña que tan ben che cae, a cuñada que non soportas, ou a curmá afastada da que estás tolamente namorado por moito que iso sexa pecado, que xa o dicían os teus catequistas.

Pero falemos, ao final, de música. Russian Red prometeu unha evolución, un troco, un paso achegándose ao rock. Fíxose acompañar da xente axeitada, Joe Chicarelli na produción, entre outros. E algo hai de certo no prometido, pero tampouco tanto. Agent Cooper si alberga no seu boche un pouco máis de intensidade do que os seus predecesores (aínda que o toque de guateque sesenteiro no que Travolta e Olivia Newton-John ameazan con aparecer durante “Fuerteventura” tentaba deixar atrás aquela imaxe de languidez). Tampouco vaiades crer que é unha cousa tola. Pero si. Michael P inicia o disco cuns primeiros segundos de néboa electrónica e unhas percusións espidas, mentres a voz de Lourdes se fai dona dun tema que lembra en grande medida á rama elegante do pop de finais dos oitenta. Esa impresión mantense en John Michael, que funciona igualmente ben, mesmo un pouco mellor. Un corte con moito de antigo, pretendidamente obsoleto, pero dando pasos cara un atrouso máis marca da casa, no que Russian Red case homenaxea a artistas que o petaban cando ela nin chegara á idade de escolarización obrigatoria.

Dous temas e volvemos a onde sempre estiveramos con Russian Red, e Stevie J (tódalas cancións levan nome de varón) serve como confirmación case absoluta: un pode querer ou detestar ao personaxe, pero fica con poucos argumentos para pór a parir os seus discos. Nin a Casper, ese tema que lanzou para que todos nos centrásemos no que tocaba, e que mandou unha mensaxe equívoca. Paso a unha Russian Red máis contundente que, a media canción, volvíase a de sempre. Nese senso todo “Agent Cooper” é traizoeiro, pois o da cara máis contundente non remata de aparecer de todo. Sabemos o que funciona, os nosos sinais de identidade. Trocamos un pouco a maquillaxe superficial, pero a base segue a ser a mesma, a de … Xabier, a da voz persoalísima de Lourdes e a da melancolía como fío condutor eterno, dando paso, agora si, finalmente, a unhas guitarras finais que a converten nun dos meus temas favoritos de “Agent Cooper”.

Como nunha innecesaria autoafirmación nas guitarras, Russian Red busca reincidir con Anthony, pero esta vez pica en óso, perde algo de frescura, soa máis a xa coñecido, a pouco que dicir. Non é un erro testalán, pois, lapsos perdoables. Nun paso atrás, un regreso a un pop máis convencional da man de William, a cousa volve prender certa chispa. Seguramente, un dos temas que máis lembra a “Fuerteventura”, aínda que sempre con maior presenza de vatios… ata o inmenso silencio de Neruda, e de novo o folk. Porque non hai dano, e porque case o botas de menos. Porque evolucionar é preciso, pero a pílula de nostalxia gústanos horrores. Porque ao final Russian Red entrou nas nosas vidas pola porta pola que entra Neruda, a máis folk. Seguramente sería un final máis redondo para o disco que o aportado por Tim B, que busca o mesmo perfil, pero fica algo lonxe das prestacións da súa predecesora. Ó final, os que querían (queríamos, quizais) baduar de “Agent Cooper” van quedar con poucos argumentos para tirar da vía musical, e terán que recorrer, de novo, a centrar os seus coitelos no personaxe. Mentres tanto, gocemos da música, aínda que só sexa esta semana.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *