Braid: A princesa está noutro castelo

Braid

No 1983, Shigeru Miyamoto creaba Mario Bros para Nintendo. Converteuse nun clásico instantáneo e influíu á cultura popular. Especialmente lémbrase unha frase dese xogo: “A princesa está noutro castelo”. Vintecatro anos máis tarde, Jonathan Blow presentaba en Tokio “Braid”, un xogo de plataformas similar ao anterior pero engadíndolle unha volta de torca.

Como ocorría na saga de Nintendo, “Braid” ten como fío argumental a procura dunha princesa. Ao inicio de cada nivel unha serie de libros vannos contando a relación entre o noso protagonista, Tim, e a princesa. Porén, aínda que parta da mesma premisa, este xogo inclúe a posibilidade de viaxar atrás e adiante no tempo. Cada fase inclúe diferentes dificultades que farán estas viaxes no tempo obrigadas, ademais de diversas formas de reaccionar dos inimigos ante isto.

A dificultade do xogo é bastante elevada. Se ben as primeiras fases son sinxelas, a frustración e o bloqueo irán avanzando a medida que os niveis avancen. Cada fase deberá pensarse ao milímetro para non ter que recorrer ás viaxes no tempo, que, nalgúns casos, non solucionarán erros irreversibles. Con todo, a frustración non será capaz de evitar horas de procrastinación cun xogo altamente aditivo.

No apartado do deseño e aparencia gráfica hai que recoñecer o fermoso traballo realizado. Aínda que nunha ollada rápido pareza un traballo pouco laborioso, bastan escasos minutos de xogo para que a atmosfera atrape e cative completamente ao xogador. A beleza e simplicidade do xogo crean un ambiente inigualable, apoiado por unha banda sonora excepcional. Banda sonora que, entre outras, inclúe a canción “O Son Do Ar” de Luar Na Lubre.

“Inténtao unha vez. Falla. Vólvete a erguer, volve a intentalo, volve a fallar”. Ese podería ser o lema dun xogo no que, ao contrario que na vida real, temos a ocasión de emendar os nosos erros. Solución que non será suficiente a medida que os niveis aumenten de dificultade. Salvar á princesa non será só cuestión de intentalo mil e unha veces senón unha labor de análise, enxeño e perseveranza.

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *