Knitbrary, cando o punto é luxo

Knitbrary en brancoAgora que parece que por fin o sol acompaña as nosas vidas, xa non pensamos tanto no frío que pasamos este inverno. Contra as baixas temperaturas, as prendas de punto, como esas que tecían as nosas avoas, convértense nas nosas aliadas. Yolanda Estévez e Pedro Castellanos son desa opinión. É máis, conciben o punto case como unha obra de arte, unha peza con historia que é o resultado dun minucioso traballo de deseño, busca dos mellores materiais e coidada e respectuosa produción. Xuntos dan vida ao proxecto Knitbrary, unha aposta slow fashion que homenaxea ao punto concibindo produtos “únicos e atemporais coas mellores fibras do mundo”. O resultado son prendas extremadamente suaves e acolledoras. Auténticos obxectos de luxo, tanto polas súas características como polo seu elevado prezo, que abrangue entre os 250 e os 950 euros.

Yolanda estudou Administración e Dirección de Empresas, algo que segundo afirma lle resultou de gran utilidade na súa carreira. Despois entregouse á súa verdadeira vocación, cursando Deseño e realizando cursos en escolas como Saint Martins, en Londres, e Parsons, en NY. A súa primeira experiencia profesional foi en Adolfo Domínguez e máis tarde traballou no Grupo Inditex, ademais de colaborar con outras empresas. Durante todo ese tempo tivo a oportunidade de traballar con distintos materiais, pero sempre sentiu “unha especial sensibilidade polo punto”. “Encántame deseñar prendas de punto e sempre botei en falta atopalas en calidades naturais co carácter único que lles confire ser realizadas de forma artesanal”, afirma.

Knitbrary en grisUn frío inverno en NY, hai agora dous anos, comezou xunto con Pedro a xestación de Knitbrary. “Logo de anos traballando como deseñadora necesitaba facer algo no que realmente crese e que me fixese sentir orgullosa e realizada, e todo isto pasaba pola excelencia na calidade. Eu tiña a idea, e Pedro co seu entusiasmo animoume a poñela en marcha”.

Knitbrary resulta de ‘knit’ (punto) e ‘library’ (biblioteca). Precisamente, o seu obxectivo é algo así como crear un arquivo no que atopar representadas as mellores fibras de punto do mundo, “sempre traballadas no seu lugar de orixe con artesáns locais”. Así, estes cazadores de la acabaron en Perú, que para Yolanda “conta coas mellores fibras de alpaca do mundo, e outras excelentes calidades como a vicuña, algodón pima, e la merino”. “Ademais, tecer forma parte da súa tradición e cultura, e os artesáns cos que traballamos teñen moitísimo oficio”.

Nestes tempos de consumo acelerado e low cost, Knitbrary aposta por unha filosofía slow fashion, baseada no traballo artesanal con expertos locais, a pequena escala e respectando e gozando dos tempos de proceso. “A forma de concibir cada unha das nosas pezas non ten nada que ver co timing habitual en moda, o proceso determina os tempos e non ao contrario”, afirma Yolanda. Neste senso, a deseñadora opina que se está a producir un cambio de mentalidade nos consumidores: “Cada vez preguntámonos máis que hai detrás dos produtos que consumimos, cales son os procesos e como foron realizados. O noso proxecto baséase na calidade e no coidado dos procesos artesanais. Queremos que as nosas pezas perduren“.

Gorro de KnitbraryOs xerseis, as bufandas e os gorros de Knitbrary son intencionadamente sinxelos, co obxectivo de resaltar as calidades inherentes da fibra. “Intento facer deseños premeditadamente sinxelos, sen pretensións, priorizando a calidade e o que esta me suxira, respectando os principios elementais de proporcións, equilibrio e funcionalidade”. Polo de agora a maioría das pezas son de muller, aínda que moitas delas son unisex. Para próximas tempadas, a firma está xa a traballar en pezas específicas para home.

A busca da calidade e o produto único nótase no prezo. Acerca da barreira que a elevada contía destas pezas pode supoñer para moitas persoas no momento actual, Yolanda opina que “ás veces é necesario facer unha reflexión sobre o valor das cousas e preguntarse se o seu prezo se axusta á realidade, xa que hai cousas sospeitosamente caras e cousas sospeitosamente baratas”. “Consideramos que as nosas pezas son o que nós entendemos por luxo. Cada peza require moito tempo e dedicación, hai unha historia detrás de cada unha delas”.

As pezas de Knitbrary, con sede na Coruña, poden atoparse na tenda online da marca, e tamén na tenda PEZ de Madrid. Ademais, os seus promotores presentaron a firma recentemente en Copenhague e París e proximamente contarán con puntos de venda en París, Oslo, Estocolmo, Alemaña, Italia e Xapón.

Fotos | Knitbrary

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *